«Estamos buscando apoios en empresas»

La Voz

SANTIAGO

11 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Helena Villar asumiu a presidencia da Fundación Rosalía de Castro en xullo de 2005, nun escenario moi distinto ao actual polo que asegura que non ten «a mesma confianza» que hai dous anos, por exemplo, para afrontar as grandes citas que ten por diante a entidade cultural e Galicia. Por iso, insiste no seu chamamento as institucións, públicas e privadas, para que se «impliquen».

-Ademais dos recortes nas axudas, ¿baixaron as visitas a Casa-Museo?

-Si e as ventas de libros que se facían na casa. En particular, notamos unha baixada notable de turistas.

-¿E o apoio privado? ¿Tamén vai a menos?

-Estámolo buscando en varias empresas e outras veñen a nós para amadriñar os seus produtos, como acaba de facer Cabreiroá coa botella de auga. Temos dous ou tres proxectos con entidades financeiras que esperemos que cheguen a bo porto. Pero o momento é terrible. As grandes empresas galegas non se teñen significado por ser grandes protectoras desta casa, polo que temos que buscar unha fórmula mixta que permita que a Casa-Museo poida dar servizo ao público.

-Vostede dixo recentemente que a Casa de Rosalía é o espazo máis simbólico de Galicia, máis que o Parlamento incluso e que así o debían percibir os galegos. ¿Cre que así é?

-É probable que non. Perdeuse moito sentido de pobo e de solidariedade. Hai anos era impensable cuestionar a Rosalía e a súa obra e hoxe nalgúns medios dixitais xa se fai. Unha das metas da fundación é evitar sempre que a autora deixe de estar na memoria colectiva e ese é, precisamente, o espírito da casa, que non hai que esquecer que foi mercada por vontade popular.

-As visitas anuais da Casa-Museo valeron para que Padrón fose declarado concello de interese turístico. En cambio, dende hai anos a subvención municipal que recibe é inferior a da Fundación Cela. ¿Xa se resignan a que así sexa?

-O certo é que é un feo que non se entende, aínda que nos últimos anos a axuda subiu notoriamente, sen estar igualada. Pero cónstanos a boa disposición do Concello de ir a máis e eu creo na boa vontade.