Unha illa en terra de ninguén

Ana Domínguez Laíño

SANTIAGO

OPombal é para algunhas persoas unha illa en terra de ninguén, e é a sensación que dá cando pasas por un dos camiños de pés, entre hortas. Elementos que se conservan da tradición, e como tales forman parte tamén da protección do Plan Especial. Distinto das rúas principais, estreitas con moito trafico coa dificultade engadida dunha poboación marxinal. Moitos saímos e entramos a cotío por esas rúas, e decatámonos do proceso, que foi lento. Quizais por eses condicionantes de tráfico e poboación, non compensados pola proximidade ao centro.

Dende logo, o inicio no lugar de afortunadas intervencións, como a rehabilitación do Carme de Abaixo, polo proxecto da Vaquería ou o hotel, e a zona da Rúa Galeras, coas novas vivendas, o traslado do hospital e mellora do parque, axudaron moito na aposta por un proxecto no que ata o de agora non se viran grandes resultados. Fundamentalmente porque gran parte deste mérito está na aposta persoal de aqueles que viven alí, ademais de pequenas intervencións urbanas destacables pola súa sinxeleza e a súa dificultade. Así é o caso da rúa do Cruceiro do Galo, cunha forte pendente, na que a intervención só nas beirarrúas, ou a reserva de espazos peonís no encontro coa rúa Poza de Bar, ou esa praciña triangular, cambiaron incriblemente a percepción deste lugar.

A estrutura de cuarteirón coas hortas e xardíns nas traseiras mantense nunha escala perfecta, relacionándose cos espazos que ten arredor entre parques. Compañeiros arquitectos tamén apostaron por este lugar, e coas súas intervencións fóronlle dando a imaxe de hoxe en día. Agora, cando xa é un investimento seguro para aqueles que buscan rendibilidade, é cando estes lugares corren perigo. Só unha moi baixa edificabilidade posibilitará que non cambie a estrutura e non se saturen os espazos verdes que rodean o Pombal.