«Hai que tratar de acometer servizos mancomunados»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez DODRO / LA VOZ

SANTIAGO

Di que a situación obriga a coordinar accións cos concellos da comarca

23 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os primeiros cen días de goberno do Partido Popular en Dodro foron «intensos en traballo» segundo conta o alcalde Valentín Alfonsín Somoza (Dodro, 1969), quen fala de que o seu goberno atopou un «Concello moi desorganizado administrativamente», aínda que o «maior atranco» foi «non ter a contabilidade ao día».

-Coa aprobación da Conta Xeral de 2010, ¿xa está ao día?

-Non, a conta reflexa o que está recoñecido, pero hai unhas débedas que non o están.

-¿A canto ascende a débeda?

-Debe estar entre 500.000 e 600.000 euros, dependendo de se o Consorcio de Benestar acepta ou non unhas alegacións que presentamos.

-¿Non lle parece curioso que o Consorcio reclame unhas facturas da gardería do ano 2008 e do centro de día do 2009 ao pouco de entrar o novo Goberno?

-Xa no ano 2010 fixo un requirimento ao goberno bipartito para que presentara as facturas e este non fixo ningunha xestión.

-¿Como vai facer o Concello para afrontar a débeda?

-Estamos obrigados por lei a establecer un plan de saneamento. Ademais, a próxima semana haberá un pleno para aprobar a modificación de certas ordenanzas que é necesario actualizar, sen contar que é incomprensible que Dodro sexa o único concello da provincia, e non sei se de toda Galicia, que non cobra por servizos básicos como pode ser a recollida de lixo. Non se pode pedir axudas á Xunta ou á Deputación cando non se cobra por servizos mínimos que estás obrigado a cobrar. Por iso, o Concello fará fronte a débeda, por unha parte, actualizando o prezo de taxas, e por outra, reducindo gastos, salvo aqueles destinados a servizos sociais e as persoas máis necesitadas.

-¿Que é o prioritario?

-Centrarémonos nas persoas con menos recursos e tamén na creación de emprego, polo que procuraremos que as obras do Concello se fagan con traballadores do municipio, na medida en que sexa posible.

-¿Cúmprense os pronósticos de que o orzamento do 2012 so dará para pagar as nóminas?

-Para pouco máis dará. Hai que mirar de acometer servizos mancomunados cos concellos da comarca, para tratar de afrontalos de mellor xeito, xa que o próximo ano se presenta realmente complicado. Encaixar a débeda que temos nun orzamento de 1,8 millóns de euros é realmente moi complicado.

-¿Que servizos se poderían mancomunar?

-Aqueles que teñen que ver coa atención ás persoas maiores e co fomento do emprego. Teríamos que coordinar accións e non duplicar traballos, xa que o único que conseguimos así é desperdiciar recursos.

-É o único rexidor da comarca, e dos poucos de Galicia, sen soldo. ¿Débese á situación do Concello ou sempre o tivo claro que sería un alcalde sen soldo?

-Entendín que, dada a situación, era moi difícil establecer unha cantidade e xa se sabe que todo o que se destine a soldos dos políticos vai en detrimento dos veciños. Non obstante, non se pode pretender que se boten sete ou oito horas diarias a cambio de nada. Pero non so é o meu caso xa que, salvo Marisol Boga, que deixou o seu traballo como funcionaria para estar no Concello, o resto dos concelleiros do goberno non perciben nada pese a todo o tempo que lle dedican, que é máis do que eu lles pedín e do que esperaba. Antes de que cobre o alcalde de Dodro, terán que cobrar os concelleiros, pero cando se poida.

valentín alfonsín alcalde de dodro