«Hai moito interese na literatura e a cultura dos Estados Unidos»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A Embaixada doa unha prestixiosa colección de libros á USC

16 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Como un obsequio do pobo norteamericano á USC cualificou a agregada cultural da Embaixada dos Estados Unidos en Madrid, Laura M. Gould, a colección Library of America, que onte entregou ao reitor, Juan Casares. Este, por súa vez, desexou moitos máis días así entre os EE. UU. e a USC. O catedrático Constante González Groba, de Filoloxía Inglesa, salientou o prestixio dos 226 volumes recibidos, valorados nuns 5.000 dólares, e cualificou os EE. UU., como «unha nación sen cuxa existencia o mundo contemporáneo sería totalmente diferente».

-¿Que temas tratan os libros desta colección?

-É importante en literatura, e tamén hai escritos políticos, filosóficos, autobiografías, coleccións de periodismo e outros ámbitos da cultura norteamericana. Vai quedar nos fondos da biblioteca de Filoloxía, para uso de toda a USC. A editora, The Library of America, é unha sociedade sen ánimo de lucro.

-¿En que situación se encontran os estudos sobre Norteamérica na USC?

-Os maiores esforzos son sobre literatura e historia da cultura dos Estados Unidos. O noso departamento é dos máis potentes de España en investigación e dedicación a eses temas. E temos unha relación moi estreita con varias universidades norteamericanas.

-¿Como responde o alumnado?

-Hai moito interese na literatura e a cultura dos Estados Unidos. Así se explica que teñamos tanto alumnado, ou máis, que as restantes filoloxías xuntas.

-A doazón desta biblioteca coincide coa celebración dun foro de estudos sobre o sur, ¿en que consiste?

-Está organizado por unha asociación internacional de expertos que ten como obxecto de estudo a literatura, a cultura e a historia do Sur dos Estados Unidos. O 40% dos seus membros son docentes de universidades dos EE. UU. e o 60% de Europa. As reunións son cada dous anos nun país diferente. En España é a primeira vez que se celebra.

-¿Quen participa neste encontro?

-Veñen 31 relatores, 19 de dez países europeos e 12 dos EE. UU. Tamén intervén Bobbie Ann Mason, coñecida escritora de Kentucky, que mañá [por hoxe, día 16] ten un coloquio aberto ao público, e o sábado será a última en falar. Entre os temas están a literatura de viaxes, e outros relacionados con Santiago como destino de peregrinos.

CONSTANTE GONZÁLEZ GROBA caTEDRÁTICO DA USC