«Aquí síntome moi abrazada pois me lembra a Minas Gerais»

manuel beceiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

A artista brasileira debuta en Santiago cun concerto no que ofrecerá unha viaxe pola beleza da música do seu país

05 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A cantora e compositora brasileira Ceumar, quen desde o seu primeiro disco Dindinha (2000) destacou na escena da world music chamando a atención da crítica internacional, recorre estes días Galicia co seu tour Ceumar canta o Brasil. A cantora de Minas Gerais, ofrece hoxe, ás 22.30 horas, un concerto acústico na Casa das Crechas no que fará un percorrido polos tema máis emblemáticos de toda a súa carreira, alén de algunhas novidades de recente creación, coa participación do guitarrista Sérgio Tannus. Como as súas cancións, Ceumar e todo sensualidade e dozura no seu falar, impregnado de ese optimismo contaxioso brasileiro desde o seu inicial «tudo bem» co que arranca a conversa.

-¿Como vai ser ese percorrido pola súa carreira que ofrecerá hoxe en Santiago?

-Eu levo algunhas composicións miñas e de moitos compositores novos brasileiros que estiveron na miña carreira como Zeca Baleiro ou Chico César. Despois tamén cantarei algunhas composicións bastante importantes de autores como Cartola. Será unha viaxe polas belezas da música brasileira.

-¿A experiencia que tivo no 2007, en Cantos da Maré, fíxolle reencontrarse con Galicia?

-Entón eu xa estaba encantanda coa musicalidade galega. Encontrei outras cousas en común entre a nosa musicalidade e a galega. En Santiago, por exemplo, me sinto moito «aconxegada», abrazada, moi ben, porque me lembra moito a Minas Gerais, as pedras da cidade, as casas e a boa conversa. Quero aproveitar para falar da importancia da miña amiga Uxía, que me presentou. Nos coñecemos en Cantos da Maré e eu teño moito cariño por ela. Alí xurdiron moitas conversas, e podo dicir que é unha das mellores cantoras que eu coñezo. O corazón de Uxía é moito grande.

-¿Nunca cantaron xuntas?

-En Cantos da Maré. Tamén agora cantará dúas músicas conmigo. Eu pretendo voltar á Galicia e facer un traballo con ela e Fred Martins. Porque eu adoro a cultura galega, as panderetas e as mulleres. Me toca moito.

-Máis hai un problema: aquí o sol non é a nosa camisa.

-Iso non é problema. Alí tamén chove moito.

-¿Pensa que hai boa comunicación musicalmente entre Brasil e Galicia?

-Realmente eu penso que si, pero igual que na literatura penso que aínda precisamos cooperar moito máis.

ceumar compositora