A editora compostelá Urco, creada no marco da cooperativa gráfica Sacauntos, acaba de lanzar unha colección de literatura fantástica xuvenil, O mundo secreto de Basilius Hoffman, que se estrea co título O ladrón de soños. Rodrigo Vizcaíno, coeditor da obra con Tomás González, explicou que a idea é poñer en marcha «unha especie de saga fantástica na que Hoffman é un arqueólogo aventureiro que se dedica a buscar tesouros». O autor deste primeiro libro e dos que irán chegando é Fernando Cimadevila, e Iván Valladares encárgase das ilustracións. A maiores do libro, crearon unha web na que irán sacando pequenos relatos e textos para que os lectores interactúen. Rodrigo di que sería fantástico que o mundo de Basilius Hoffman acadara vida propia na web, «porque a experiencia con autores novos que crearon blogs é moi boa. Sería un revulsivo que lle daría máis pulo á novela, e enriquecería a serie».