«É fundamental o polígono para evitar a perda de habitantes»

La Voz

SANTIAGO

10 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Gonzalo Concheiro Coello retoma a súa actividade en política municipal como candidato do PP á alcaldía do Concello de Boimorto, onde a formación popular está representada por catro concelleiros con Roberto Costoya á cabeza. Tras formar parte da corporación municipal que saíu dos comicios do ano 2003 -cando concurriu como número dous da candidatura entón encabezada polo ex alcalde Luís Verea- Concheiro Coello preséntase agora como cabeza de lista tras percibir que este mandato foron «catro anos perdidos para o avance do municipio».

«Foi un mandato caracterizado por un goberno sen ilusión, que non soubo xestionar tendo en conta como asesores aos veciños e que puxo de relevo a falta de liderazgo do actual alcalde para afrontar os verdadeiros problemas do municipio», engade o alcaldable do PP, que, nese senso, lamenta «a perda de importantes subvencións por culpa da súa deixadez e pasividade». Na mesma liña, Gonzalo Concheiro critica a «desidia do candidato socialista por impulsar o desenrolo do polígono industrial, vital para o progreso do concello, sobre todo, nos actuais momentos de dificultades económicas».

Por iso mesmo, un dos proxectos prioritarios do seu programa electoral é a posta en marcha do polígono industrial, «fundamental para a creación de postos de traballo e para evitar a despoboación do municipio», afirma Concheiro, que encabeza unha candidatura con experiencia ao tempo que renovada con xente moza.

Ademais da urbanización do solo industrial previsto no PXOM, o candidato do PP plantexa «o incremento das axudas en materia de servizos sociais». Dentro dese mesmo eido, Concheiro considera preciso mellorar as prestacións xa existentes e a creación de outras novas para o colectivo da terceira idade.

Gonzalo Concheiro naceu en Ordes no ano 1963. É médico de profesión e exerce como tal en Boimorto.

O político

Encabeza por vez primeira a candidatura do PP, da que xa formou parte como número 2 nas municipais do 2003.