«O noso reto é atraer inversores para Rois»

Uxía López Rodríguez
uxía lópez ROIS / LA VOZ

SANTIAGO

09 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Despois de recuperar para Rois un goberno do Partido Popular con maioría absoluta, Ramón Tojo Lens (A Meana, 1965) considera que a labor feita nos catro últimos anos lle permitirá renovar mandato. Para iso, pide aos veciños que o 22 de maio acudan a votar «libremente» e que apoien o proxecto do PP en Rois para continuar co traballo iniciado.

-O próximo mandato vai comezar cun mal dato para Rois xa que, con menos de 5.000 habitantes, perde dous concelleiros na corporación.

-Este é un dato que vén de moitos anos atrás, en cascada, e que nos tocou padecer a nós, pero vén de atrás e hai que darlle a volta.

-¿Que propón o PP para invertir a tendencia?

-Ter boas comunicacións é moi importante, tanto internas como de entrada e saída ao concello de Rois. Coa mellora da carretera AC-301 e coa súa conexión á vía de alta capacidade Noia-Santiago e a autopista AP-9, Rois terá un impulso moi importante. Ademais, hai pendente a construción de duascentas novas vivendas, sen contar as posibilidades de emprego con industrias moi preto.

-¿Que destaca da súa primeira lexislatura como alcalde?

-A apertura do centro de día de Urdilde, as obras de saneamento e abastecemento de moitos núcleos do concello na liña de humanizalos coa idea de contribuír a mellorar a calidade de vida dos veciños, sen contar algo moi imporante: a aposta que fixo o meu goberno polo emprego, co primeiro taller realizado en Urdilde. Tamén conseguimos algo histórico: que a mellora da estrada AC-301 entre Rois e Aguasantas sexa unha realidade. Hai que destacar, asimesmo, o trato aos veciños, entre outras cousas.

-E de cara ao novo mandato, ¿que é o prioritario para Rois?

-O emprego. Hai que desenvolver xa solo empresarial e hai que ser atractivos para atraer inversores. Ese é o reto. Rois ten moito solo rústico apto para urbanizar, para ofrecer a inversores que xeren riqueza. Iso contribuirá, ademais, a atraer poboación, xunto coa vivenda, o emprego e as boas comunicacións. Non hai outra fórmula.

ramón tojo lens candidato do pp e alcalde

Ramón Tojo é empresario do sector madeireiro. Está casado e ten un fillo.

O político

O alcalde leva en política so catro anos. No 2007 presentouse por primeira vez e gañou con maioría absoluta, devolvéndolle ao PP o goberno que lle arrebatara ao seu pai unha coalición de BNG-PSOE.