O director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, percorreu a vida de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao nunha amena conferencia centrada nas tres facetas da súa traxectoria: a arte, a literatura e a política. Foi na Facultade de Medicina, na aula que leva o nome de Castelao dende mediados dos anos 80, e nun acto de homenaxe ao referente do nacionalismo galego por mor da celebración do 125 aniversario do nacemento do artista e político, o 30 de xaneiro de 1886, en Rianxo, e falecido en Bos Aires en 1950, no exilio.
O conferenciante foi presentado polo director xeral do Libro, Bibliotecas e Arquivos da Consellería de Cultura e Turismo, Francisco López Barxa, e polo reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, posto que a homenaxe foi organizada pola primeira das entidades en colaboración coa USC, na que Castelao fixo a carreira de Medicina de 1903 e 1909, aínda que só exerceu como médico uns poucos anos. A orla da súa promoción presidiu o sinxelo acto.
Galicia como referencia
Carlos Valle aclarou que as tres facetas de Castelao nas que centrou a súa conferencia non son fáciles de delimitar, e que as tres «supedítanse a Galicia como marco de referencia». Aínda así, o primeiro Castelao, que datou entre o nacemento e o 1916, é o da arte, que evoluciona na etapa comprendida entre os anos 1916 e 1936 co intelectual e o político que se consolida e se converte no mito referencial do seu tempo «e tamén do noso», entre 1936 e 1950.
Valle, que ilustrou a charla con imaxes da obra plástica de Castelao, achegou datos pouco coñecidos coma o de que no Padroado do Museo de Pontevedra, do que foi un dos fundadores, non se cubriu a súa vacante como vogal mentres estivo no exilio, e así a mantiveron ata o seu pasamento.