O centro Ramón Piñeiro publica novos materiais inéditos sobre a figura e obra de Uxío Novoneyra
SANTIAGO
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades vén de publicar novos materiais inéditos que afondan na figura e na obra de Uxío Novoneyra. Trátase do segundo volume de Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), un proxecto editorial iniciado no 2010 por este centro de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A obra, que se presentará publicamente nos próximos días, recolle novos datos biobibliográficos do poeta e dá conta, por exemplo, da memoria de licenciatura que sobre Os eidos se presentou na Facultade de Filoloxía da Universidade de Valladolid no 1978. Tamén inclúe a listaxe de novidades ou reedicións de estudos e ensaios sobre a obra de Uxío Novoneyra publicados durante o 2010, ano no que tivo dedicado o Día das Letras Galegas.
Unha parte fundamental da obra constitúena os inéditos en prosa, textos ou discursos nos que a cuestión da lingua e os poemas do propio autor ocupan un posto preferente. Estes novos inéditos, que veñen sumarse aos publicados no primeiro volume, están máis centrados na obra literaria ou pictórica de nomes como os de Fole, Cunqueiro, Méndez Ferrín, Luís Seoane, Lueiro Rei, Cuña Novás, Lourés, Manuel Coia e outros, moitos deles amigos do escritor.
Apartado epistolar
O apartado epistolar do primeiro volume increméntase agora subdividido de acordo cos diferentes destinatarios (Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo e outros). No caso de Ramón Piñeiro, as cartas acompáñanse de poemas logo integrados en Os eidos ou nas Elexías do Courel ou ben inéditos, variantes en moitos casos. Un apartado sobre autopoética complementa a obra, dirixida por Luís Alonso Girgado e Ramón López Vázquez e publicada dentro da colección Cadernos Ramón Piñeiro.
Celebración e Celebración II constitúen un importante paso na bibliografía crítico-textual do poeta do Courel.