A carraca, muda e musealizada

Concha Pino SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

O Consorcio, o Xacobeo e o Cabido da Catedral decidiron restaurar o instrumento musical orixinal, substituído o ano pasado por unha réplica

31 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A vella carraca da catedral xa é historia. Máis de dous séculos de vida deixárona muda, acabaron coas súas posibilidades de soar, polo que na primavera pasada foi substituída por unha réplica que tomou o relevo na torre norte, á da esquerda da fachada do Obradoiro, que se chama, precisamente, Torre da Carraca, xemelga da Torre das Campás.

Pero a memoria da carraca xenuína e orixinal permanecerá como peza de museo. Con ese obxectivo, o Consorcio de Santiago, coa colaboración financeira da S. A. de Xestión do Xacobeo e mediante un convenio co Cabido catedralicio, financiou con 25.000 euros a súa restauración. O traballo levárono a cabo dous obradoiros composteláns. Da parte de ferro encargouse a empresa de forxados artesanais e artísticos Forxa67, a cargo dos ferreiros Santiago Martínez e Domingo Rouco. Da restauración das partes de madeira encargouse o carpinteiro Fernando López. Estes mesmos artesáns foron os que fixeron a réplica exacta da carraca orixinal.

Dende onte mesmo a peza acústica está integrada no Museo da Catedral. Forma parte do percorrido ás cubertas de pedra da basílica, aproveitando que o acceso dos grupos de visitantes ten lugar pola torre norte, a da Carraca. Quedou montada nunha estancia acondicionada expresamente con iluminación adecuada e provista dunha porta de cristal. A sala está situada varios pisos por debaixo do cumio no que está a carraca nova. Os grupos de persoas farán un alto na ascensión aos tellados para admirar esta histórica peza, sobre a que haberá cartelas informativas en galego e noutras linguas. O que non poderán é accionala, porque para protexer a fráxil peza de calquera accidente colocáronlle unha especie de freo que o impide.

A decisión de restaurar a antiga carraca débese á imposibilidade de rehabilitala para a súa función de soar, accionada cunha manivela, durante a Semana Santa, entre a morte e a resurrección de Cristo. Construída en madeira de castiñeiro, levaba cincuenta anos en desuso. O deterioro era tal que non só afectaba á madeira senón tamén ás pezas de ferro, polo que só admitía unha restauración para musealizala. O Consorcio subliñou que non se trata só dunha recuperación material, «senón tamén dun documento histórico da cidade».

A copia exacta desta artesanal peza musical tamén foi feita con financiamento do Consorcio da Cidade. Funcionou por primeira vez en marzo do pasado ano, colocada no emprazamento xenuíno da Torre da Carraca do Obradoiro. Recuperou o ronco son interrompido a medidos do século XX, polo que os composteláns de menos de 50 anos non a escoitaran nunca. Movela non é fisicamente doado, dada a envergadura do seu tamaño e porque, se cadra, precisa rodaxe.