«É un canto á supervivencia, á non resignación»

Concha Pino SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Quería tirarlle a lousa de clandestinidade á sida e deixar constancia da historia de amor co seu compañeiro

15 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A editorial Galaxia presentou na libraría Couceiro a obra Futuro imperfecto, debut literario de Xulia Alonso Díaz (A Rúa, 1961), que relata en primeira persoa a súa experiencia vital, un percorrido no que cae no pozo da heroína e que deixa nela a pegada do VIH. O seu compañeiro non sobreviviu á sida, e Xulia quixo dar testemuña.

-¿Por que decide espirse diante dos lectores?

-Cando escribín o libro foi como testemuño para a miña filla e o entorno íntimo. Cando xurdiu a idea de publicalo non me pareceu mal facelo polo tema da sida, porque sen ser o tema central pareceume un bo momento para levantarlle a lousa de clandestinidade, un obstáculo a maiores, porque non poder compartir as dificultades faichas levar nunha soidade non desexable.

-¿Cal é, daquela, o obxectivo?

-Pretendía deixar constancia da historia de amor entre o meu compañeiro e máis eu, unha historia que se centra nos dous últimos anos na nosa vida en común, os da enfermidade de Nico. Foi unha situación límite, moi intensa e chea de autenticidade. E non só foi un amor de parella, senón tamén o da rede de afectos que nos rodeou. Nese sentido non foi unha experiencia fallada. Non logramos que Nicolás non morrera, pero deume forza para encararme á vida. Por iso o libro é un canto á supervivencia, á non resignación. No meu caso tiven a posibilidade de supervivir. Non foi fácil, pero podo contalo.

-¿Revisar a súa vida deste xeito axudoulle?

-Foi máis un intento de reconciliación persoal, de intentar atopar por que nos pasou todo aquilo. Non intento facer un retrato xeracional, so saber por que nos pasou nós.

-¿Deu coa resposta?

-Penso que os 80, porque eu cheguei a Santiago a finais dos 70, eran anos cheos de posibilidades, nos que todo era posible, de loitar polas liberdades. No medio estaba a heroína, que era a que circulaba. Para min creo que consumir heroína era experimentar, un acto de autoafirmación, porque ninguén o fixo, e aquí falo en plural, con intención de estragar a súa vida. Pero non sabiamos até que punto era destrutiva e difícil de abandonar. Buscabamos a autoafirmación, e iso é imposible, porque priva a liberdade de decisión. Nico é máis eu abandonaramos a adición, pero o máis dramático veu coa aparición da sida.

-¿Agarda que axude á xente máis nova?

-Entendo que haxa quen non queira contar a súa experiencia, pero tamén creo que hai moita xente que quedou polo camiño e que ese estigma é inxusto. É como se te mataran dúas veces. Hoxe hai máis información e coñécense as consecuencias, pero a xente que vén detrás ten que saber que pasou, e ten que servir de algo.