«O personaxe do Apóstolo vai dar paso a monólogos de poética máis dadaísta»
SANTIAGO
demais de actor e director teatral, Carlos Santiago forma parte do mundo das artes escénicas como monologuista. O mércores despediu no Ultramarinos aos personaxes cos que tiña un espectáculo, A leira magnética, no que na segunda parte se convertía no Apóstolo Santiago, ao que lle daba paso un físico cuántico con teorías sobre a problemática identitaria ao fío da actualidade. Este Apóstolo con gafas de sol falaba da física máis peregrina e espiritualizante, dende un punto de vista «máis sobrenatural».
-¿O espectáculo que vai dirixir co CDG arrombou a este personaxe?
-Non, empezamos a ensaiar o 26 de novembro, pero sería cousa de aparcalo un tempo. Despedinme del porque levo dez anos con este espectáculo, que naceu nas Ultranoites da Nasa e que fun utilizando noutras actuacións e que funcionou ben.
-¿Con que vai renovar a súa faceta de monologuista?
-Non hai nada concreto, pero a idea é facer algo distinto, un monólogo máis centrado nas palabras que na información, dunha poética máis dadaísta. O que facía nesta montaxe eran dous monólogos con dous personaxes arquetípicos.
-¿A cousa e axudarlle ao espectador a rir de nós mesmos?
-Rirnos de nós mesmos a partires de estereotipos é saudable, e sobre todo enfrontar dende o humor as montaxes e eventos megaculturais tipo xacobeos e así.