O mago nicrariense Romarís estreará a súa montaxe «O Castelo Encantado» na praza do Cotón
SANTIAGO
A cuarta Feira do Románico que dende hoxe obrigará a cortar ao tráfico a emblemática Carreira de San Mauro, lugar da súa celebración, aproveitando a contorna histórica do pazo do Cotón, pasará á historia por sela primeira edición que organiza o Concello de Negreira, unha vez que a Asociación de Empresarios e Profesionais da vila non puido garantir a súa celebración.
O Concello en colaboración con Festexos de Negreira, e baixo a coordinación da empresa Compostelae Eventos que dirixe Miriam Giménez, organizou nun tempo récord un programa de actividades que contempla un mercado medieval con produtos artesanais, de alimentación, perfumes ou bebidas, pero que sobre todo persegue unha maior implicación dos veciños e veciñas, algo que xa lograron á vista da gran demanda de casetas para a montaxe de tascas de época.
Alternativas
Como queira que se introduciron novidades no programa de actividades, como a desaparición das exhibicións de cetrería, buscáronse alternativas, entre as que sobresae o novo espectáculo de maxia do mago Romarís, veciño de Negreira. O Castelo encantado , instalado na praza do Cotón, é a nova montaxe que o mago Romarís estrea especialmente para a Feira do Románico: «A maxia, neste caso de salón, da moito xogo, e decidimos transformar a carpa que tiñamos nun castelo máxico. Alí dentro, estaremos todos caracterizados da época medieval, e eu farei a maxia coa temática da época, con referencias a Alfonso X O Sabio, e por suposto, ao noso persoeiro máis ilustre no tempo, o trobador Afonso Eanes do Cotón», salientou Antonio Romarís.
O mago Romarís ofrecerá un total de dez sesións. No castelo collen sobre sesenta persoas por pase, sendo os horarios á unha, ás seis, ás sete, oito e nove da tarde, ámbolos dous días. A entrada terá un prezo simbólico de 1 euro, e poderanse retirar antes de cada pase.