«Foi emocionante rodar en Santiago nun lugar como a Casa da Troia»

Carla Losada SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Actriz de teatro e televisión, esta compostelá comezou nun grupo de interpretación no colexio Peleteiro

21 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O primeiro escenario que pisou a actriz Olalla Salgado estaba en Compostela. Tratábase dun comedor do restaurante dos seus pais que non se usaba e no que esta santiaguesa daba os seus pasiños na interpretación. «Facía moita teatrada cos meus amigos. Improvisaba obras, programas de radio e entrevistas», conta Olalla, que na última película que participou, Doentes, interpretaba á filla do alcalde de Santiago.

Compostela e o teatro sempre estiveron moi relacionados para Olalla, que estudou no colexio Pío XII, onde fixo algunha que outra obra de Nadal. Pero a verdadeira paixón pola interpretación chegoulle en oitavo de EXB. «A profesora de Historia da Arte mandounos facer unha obra de teatro sobre un pintor, e unha amiga e máis eu escollemos a Dalí», recorda Olalla. «Paseino tan ben que me din conta de que me gustaba actuar», conta.

Santiago é para Olalla non só o escenario da súa vocación , senón un lugar de recordos que renacen en lugares coma a praza do Toural. «Eu vivía preto da praza, na rúa Bautizados, e sempre xogaba na fonte», relata a actriz galega, que asegura que a pesar de que subía moitas veces á fonte, nunca caeu. «A miña irmá si, pero eu creo que o facía porque lle gustaba moito bañarse», di cun sorriso.

Entre paseos pola Alameda e escapadas para ir aos parque antes de ir ao colexio, Olalla foi crecendo e comezou a estudar no colexio Peleteiro, onde coñeceu a fondo o que era actuar. «Aprendín moitísimo no grupo de teatro do colexio», conta a actriz, que garda un recordo moi especial da desaparecida sala Galán e da Fundación Granell, onde actuaba a miúdo co seu grupo de teatro.

Aínda que Olalla foise para Madrid con 22 anos para estudar na escola de interpretación de Juan Carlos Coraza nunca abandonou Santiago. «Compaxinaba o meu traballo na serie Rías Baixas cos meus estudos», relata. «Viña á cidade todas as semanas», conta a intérprete, que recoñece que lle gusta andar dun lado para outro, pero que cando está fóra de Compostela máis dunha semana éntralle a morriña. Olalla tamén ten nostalxia de cando vivía na zona vella. «E fantástica a sensación de saír á rúa, de estar en medio de toda esa pedra vella, de cheirala», conta.

Xa que Compostela é o lugar onde Olalla naceu e se criou sinte especial cariño cando grava na cidade. «Foi moi emocionante rodar en Santiago, diante da Casa da Troia», comenta a actriz, que actuou preto da antiga residencia de estudantes para a serie de televisión Nordés.

Ollala, namorada da zona vella, asegura que aínda agora sorpréndese polas edificacións da cidade. «Cando traballei en Nordés parecía unha guiri. Miraba cara arriba e de repente pensaba, esta casa non a vira antes», conta a actriz, que asegura que o fai moi a miúdo. «Aínda agora, despois de vivir moitos anos en Santiago, descubro lugares que non coñecía», di.

Compostela non é unha cidade para gozar unicamente pola súa beleza, senón tamén pola súa actividade cultural. Iso cre Olalla, que está segura de que agora hai moitas oportunidades de formación para a xente que se quere dedicar ao mundo do espectáculo. «Hai lugares como a escola Espazo Aberto , que ten bastantes recursos para aprender.», comenta a actriz.

Nos seus ratos libres a Olalla gústalle saír de viños polo Franco ou visitar bares como O Matadero ou O Atlántico. «Gústame iso de saír a rúa e coñecer a xente, como cando vas a froitería e a dona pregúntache se queres levar unhas mazás», opina. «Sempre saio polos mesmos sitios porque sei que sempre atopo a alguén coñecido», apunta Olalla, que non se priva de aproveitar do bo ambiente dunha terraza nunha noite de verán.

«En Santiago hai unha calidade de vida que non hai fóra, hai unha alegría que non existe noutros sitios», asegura Olalla, que a diferenza de outros composteláns que abandonan a cidade en verán quedase en numerosas ocasións en Compostela. «Hai moita xente, pero gústame ir a Bonaval cun libro ou tomar algo», conta a actriz.