«Todos os nenos teñen esencia de pintor, pero non se estimula»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Á volta das vacacións de verán, os catro membros desta familia de artistas inaugurarán unha exposición conxunta das súas obras no Pazo da Peregrina

04 jul 2010 . Actualizado a las 02:11 h.

Un intenso cheiro a pintura anuncia a proximidade do estudo da familia Ruiz Dubrovin. Situado no soto da súa casa, o lugar de traballo dos catro membros da familia deixa claro a súa paixón pola arte e os distintos modos de concibila de cada un. Alomenos de tres deles, posto que a filla maior, Leonor, está en Berlín cunha bolsa de artes.

«Ela traballa con pintura sobre lenzo, e vai ter que escoller unha pintura que seque rápido para poder participar na exposición», explica o seu pai, Vicente Ruiz. Unha exposición que verá a luz no Pazo da Peregrina durante o mes de setembro e na que participarán todos os membros da familia. «Carita e máis eu xa expuxemos alí nalgunha mostra colectiva e falamos coa xerencia, tiven a audacia de propoñer unha exposición dos catro», explica Vicente.

Aínda non saben as obras que conformarán a mostra, pero cada un ten unha especialidade. Así como Leonor é máis dada á pintura sobre lenzo, «y normalmente cosas muy grandes», a súa nai, Carita, dedícase ao téxtil, a crear tapices con todo tipo de materiais, dende la ou corda ata cousas que nun primeiro momento semellan de refugallo, como roupa interior, camisolas ou medias de nailon, «sempre pasando antes pola lavadora», aclara Vicente. O seu fillo Andreas, que estudou Belas Artes na Universidade de Vigo, «leva debuxando dende que puido mover a súa man», aínda que agora «xa o aborrecín algo», explica. O pai, pola súa banda, fai pintura, á que tamén engade materiais reciclados, e «case como un entretemento mentres pinto, fago pequenas esculturas». Haberá que saber o espazo co que contan para escoller as súas obras.

Educación temperá

Pero, ¿a capacidade artística hérdase? Semella que nesta familia si, ou cando menos foi inculcada dende ben cativos aos dous fillos desta parella. Así como Andreas estudou en Pontevedra, a súa irmá volveu ás raíces de Carita, a Finlandia, para completar os seus estudos de Belas Artes na Universidade de Helsinki. A arte correu sempre polas súas veas, porque como explica o seu pai, «todos os nenos teñen esencia de pintor, pero non se estimula» no sistema educativo actual. Eles dous, dende que teñen uso de razón, participaron do proceso creativo dos seus pais, e cando había que realizar algunha viaxe, por exemplo, sempre había tempo para visitar un museo, como o do Prado. «Ao final, algo queda», comenta Andreas.

Eles conservan un instinto infantil que outros moitos perderon, porque a educación nas artes non é prioritaria no ensino e as aptitudes vanse esvaendo. «Se se lle dera tanta importancia como ás Matemáticas, serviría de equilibrio e penso que este tipo de educación é esencial», comenta Vicente.