No claustro baixo do instituto Rosalía de Castro inaugurouse a primeira exposición individual en Compostela de Xan Vieito, con Luis Cochón de comisario. O artista, que naceu en Vilachán de Abaixo, en Negreira, ofrece en sesenta obras a súa visión do concepto do ser humano dentro do universo, «no que a muller éo todo, é esencial». Pódese ver ata o 30 de xullo, de 18.30 a 21.30.
-Algúns cadros desacougan. ¿A que nos remite a súa pintura?
-Todo sae do subconsciente, das ideas relixiosas e dos recordos da infancia que permanecen aí, dos conceptos poéticos, éticos, filosóficos... Todos somos Jekyll e míster Hyde, e a miña obra é da parte do cerebro que é Hyde. Todo sae da alma e do subconsciente, e esta obra trata do concepto do ser humano dentro do universo, onde todo se orixina por leis moi básicas. De aí a presenza da muller.
-¿A parte figurativa da obra, non?
-Si, son formas ás veces case líquidas, esbozadas. Algúns dos cadros desta montaxe, como estacións un, dous e tres, son dunha serie que expuxen en Ourense, Silandeiras . Son reminiscencias da infancia, recordos de personaxes fantásticos que desbordaban a imaxinación infantil.
-¿O cartón e o papel son materiais habituais na súa pintura?
-O material é o de menos. Depende do día e o momento. Tamén hai lenzo. E papiro mercado en Exipto que utilicei para pintar a serie de África, que naceu dos recordos dunha viaxe.