«Nos másteres, é mellor algo novo por explorar que eternizar o esgotado»

T.?M. SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

20 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Malia que prefira ser lembrado por Campus Vida que pola adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior, é evidente que o proceso de converxencia marcou tamén o seu mandato.

-¿A USC fíxoo ben?

-Bolonia vén sobrevida e tentámolo facer o mellor posible. E tiñamos unha responsabilidade moi grande, porque partíamos nun abano de titulacións que por estar inmersos nun sistema universitario que foi multiplicando unha e outra vez as mesmas carreiras fíxose moi redundante e eramos conscientes da realidade de que a día de hoxe os títulos multiplicados non teñen sentido. A USC fixo unha reforma, a de máis calado do sistema universitario galego. Nós tomámolo como unha oportunidade, porque son 47 países de Europa, case o duplo da Unión, que se fan cómplices dun espazo común. No construír colectivo cada un aportaba o máis singular, e a única universidade histórica, cunha lingua propia era a USC. Temos dúas universidades irmás pero non tiñan o percorrer histórico que tiñamos nós.

-E a piques de rematar coa reforma, a maior crítica é para os másteres. Durante o proceso electoral falouse de que había moitos que non acadaban o mínimo de alumnos.

-Iso é mentira. A inmensa maioría si dan o número mínimo, senón non se manterían. A oferta non é a ideal, pero ás universidades obrigóusenos a facer a oferta de másteres antes que de graos. Un grao, tal e como é concibido, ten que ser estable, pero a desaparición dun máster non é dramática, porque está pensado para as necesidades de formación complementaria, profesionalizante e de iniciación a unha carreira investigadora. Creo que é mellor algo novo por explorar que eternizar o que está esgotado.

-E o máis polémico é o máster de profesorado.

-Entendo a argumentación dos alumnos de cursar certas titulacións coa idea de que a opción máis importante é a da docencia. Eu trasladei a través da CRUE o tema ao ministerio e á Xunta, para demandar un incremento de prazas, pero o máis razoable é axustar oferta e demanda, porque senón gastaremos recursos e frustraremos a moita xente. Hai países que optaron por cursar o máster logo de aprobar a oposición. A min gústame máis este modelo, pero o Estado optou polo primeiro.