«Creo que aumentar a 400 as prazas de Medicina é un erro»

La Voz

SANTIAGO

Coa implantación dos derradeiros graos o vindeiro curso, haberá moitas carreiras que reducirán as súas prazas, como Dereito.

-Dereito ten límite de prazas como a inmensa maioría das outras pola capacidade que temos. Se queremos ser coherentes co Espazo Europeo de Educación Superior non só debemos implicarnos nunha reforma dos plans de estudo. Non podemos seguir dando as clases igual. Debe haber seminarios, clases interactivas, prácticas... que requiren un esforzo do profesorado, así que unha de dúas: ou aumentamos profesorado ou haberá que diminuír alumnos. Ao mellor non poderiamos admitir a máis de 150 estudantes, pero non podemos levar a extremo as cousas.

-¿Non responde a un axuste de oferta e demanda do mercado laboral?

-Non. De feito, Dereito é unha das carreiras máis polivalentes. É tan polivalente que a pesar de que nos sorprenda que entren no Sistema Universitario Galego cada ano máis de 600 estudantes, a xente está a se colocar non só no exercicio da avogacía e procuradoría, senón no servizo de asesoramento da banca ou nas administracións públicas. É como lle acontece ao grao de Empresas e ao grao de Economía.

-E porén o próximo curso auméntanse 50 prazas en Medicina.

-Eu creo que iso é un erro tamén, porque este sería xusto o caso oposto. Dereito é moi polivalente, pero Medicina non. A inmensa maioría dos titulados en Medicina están pensados para o exercicio da sanidade, co cal estamos incrementando a oferta no Estado español nunhas cifras que son realmente espectaculares. En Galicia pasamos de 260 estudantes hai cinco anos a 400. Estamos falando dun incremento superior a un 50% e non ten moita lóxica, sobre todo cando se ve a capacidade de absorción do Estado.

-Pero faltan especialistas.

-Efectivamente, hai especialidades onde non hai xente que as queira cursar, como a de medicina familiar ou pediatría. Territorialmente España tamén é moi asimétrica en oferta e demanda, pero é unha cuestión de distribuír adecuadamente a oferta de médicos. Ademais, hai un repunte na marcha de titulados de Medicina no estranxeiro. Importamos médicos de América Latina, por exemplo, para compensar a marcha dos titulados, que o fan porque as condicións son mellores.