«Non se pode facer máis con menos, levamos oito anos a dieta e corremos a maratón»

La Voz

SANTIAGO

20 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O financiamento saíu a colación na toma de posesión do reitor de Vigo, e Barro non está conforme coas posicións da Xunta.

-As universidades españolas teñen dous problemas que deben ser abordados simultaneamente: o modelo de goberno, que é híperasambleario, e o modelo de financiamento, que debe ser radicalmente distinto. O presidente da Xunta dixo en Vigo que hai que afacerse a facer máis con menos. Eu marcho nunha semana e non tiña por que meterme en camisas de once varas, pero máis con menos na USC é imposible, non pode adelgazar máis porque leva oito anos a dieta e está nos ósos e no pelexo, e aínda así corre a maratón e gaña.

-Pero xa comezaron as negociacións do plan de financiamento.

-De momento o que se fixo e ademais é razoable foi darnos ás universidades algúns documentos de análise do sistema universitario galego e comparativos con outros sistemas. O que non se fixo foi dar unha proposta de plan. O que sempre dixen foi que eu non quería pechar este plan porque non ía executar nin un mes dese plan e debe pechalo o novo reitor. Outra cousa é que non podo eludir ir avanzando no tema.

-¿Chegar ao 1% do PIB de investimento é unha utopía?

-Buf... Utopía non, pero é realmente algo que está moi lonxe, non chegamos ao 0,75%. Estamos a anos luz.

-A que semella superada é a crise propia da USC grazas ao plan de equilibrio.

-Dende que acabamos o plan de equilibrio económico financeiro, no 2006, pechamos os orzamentos en equilibrio, o que obrigaba o plan.

-E xa amortizan a débeda.

-Si, estamos xa amortizando a débeda adquirida como consecuencia dese plan, que foi planificada e autorizada pola Xunta e o Goberno central. O que pasa é que a débeda adquirida nun momento tan crítico foi grande e leva tempo.

-Pero este ano hai autorizado outro endebedamento.

-Porque este ano é un ano crítico e temos que asumilo todos como singular. Pero non é un para resgar as vestiduras, os concellos e administracións fano tamén.