«Deixáronme perplexo as críticas que houbo contra Campus Vida»

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

A menos dunha semana de abandonar o que é o seu despacho dende o 2002, o reitor saínte da USC non repasa o seu mandato «porque só miro atrás para seguir adiante»

20 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Como non podía ser doutro xeito, Alonso de Fonseca preside o despacho do reitor aínda en funcións da Universidade de Santiago, que a próxima semana cederá o bastón de mando ao seu sucesor e contrincante nos comicios do ano 2006. Orgulloso de todo o que fixo, Senén Barro (As Pontes, 1962) non pode agardar a voltar ao seu posto de investigador.

-Carlos Pajares será lembrado como o reitor da segregación da USC, Darío Villanueva como o da LOU e vostede como o da adaptación a Boloña...

-[Sorrí] Non, eu espero ser recordado como o reitor de Campus Vida. Estou seguro de que vai ser así, para ben ou para mal en función da valoración que cada un faga. Estou convencido, porque ademais que se fale tanto de Campus Vida é positivo, xa que significa que é moito máis que un campus, e de feito así foi concibido. Será un proxecto dunha nova universidade para o século XXI.

-E porén no momento que se acadou o campus de excelencia internacional sucedéronse as críticas.

-Foi algo que me deixou perplexo. Como se pode criticar unha universidade que por moita historia que teña é unha universidade do finisterre, mal financiada, que tivo que superar unha crise económico financeira propia e enorme, que ten que competir con 52 proxectos de todo o Estado español e resulta que se coloca entre a elite. Entendo que se diga que as propostas de Campus Vida deben de se desenvolver aínda con máis ambición. O que non podo entender é que alguén diga «é que este non é un proxecto de todos...»

-¿Éo?

-Si, si é un proxecto de todos. Outra cousa é que se para ser partícipe teña que estar fisicamente nun edificio ou traballando no ámbito de actividade das Ciencias da Vida. Síntoo moito, pero quen concibe así o futuro da Universidade ten unha idea moi local e moi persoal do que debe de ser a USC. Podo entendelo doutras persoas, pero dun reitor non, porque debe ter unha visión de conxunto. Creo que cada vez que facemos unha aposta que se concentra en quince, cen ou mil persoas é unha aposta da USC, non é excluínte. Apostar por todos ou por ninguén é facernos mediocres a todos.

-¿Foi un problema de comunicación, logo?

-Quero pensar que en xeral foron comentarios dende a ignorancia, pero aínda así esta ignorancia ten pouca desculpa, porque dende o primeiro intre nós puxemos na rede toda a definición do que era. O reitor ten unha responsabilidade e é estar atento ao interese da sociedade.

-O seu sucesor xa anunciou que existe a posibilidade de que os prazos non se cumpran nas infraestruturas, mentres o seu equipo afirma que si.

-Neste sétimo programa marco, que só vai nun terzo da súa vida, xa levamos máis recursos captados que en todo a vida do sexto. O conxunto do noso proxecto son 150 millóns ata o 2012. Na memoria económica demóstrase como levamos xa máis do 60% executado ou en execución con recursos comprometidos. O próximo equipo, de modo razoable, pode prever que pode seguir un ritmo de captación de recursos semellante ao noso. Iso si, como nós marchamos, que conste que non hai nin un só euro comprometido que non estea garantido. O reitor que veña poderá dicir que non foi quen de acadar os recursos ou que as súas prioridades cambiaron, pero o que nunca poderá dicir é que deixamos un proxecto faraónico, que os deixamos hipotecados... e como está documentado non teño por que argumentar máis. Pero estou seguro de que non vai ocorrer.