«Cando cheguei a Rois, ter unha máquina de escribir era un luxo»

Uxía López Rodríguez
Uxía López ROIS/LA VOZ.

SANTIAGO

Para Penas Patiño este é o último curso como mestre, profesión que exerceu durante máis de 30 anos en Rois, onde o trato diario cos veciños o levou á política municipal

20 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa xubilación de Xosé Manuel Penas Patiño (Santiago, 1950), o colexio de Dices, en Rois, queda sen outro dos seus mestres «históricos», como chaman algúns aos membros dunha xeración de docentes que estiveron máis de 30 anos no ensino neste municipio, entre os que tamén están Roberto Longarela, Marisa Neo e Roberto García, todos eles xa xubilados e cos que Penas Patiño quere compartir protagonismo.

Profesor de Matemáticas, Galego e Ciencias Naturais, o paso de Patiño -como o chaman habitualmente- por Rois estivo marcado tanto no ámbito docente como no político, neste caso dende o seu posto de concelleiro dende o ano 1995, por dúas grandes máximas: a defensa e reivindicación da lingua e a cultura galega e o ecoloxismo que, para el, debe ir «unido indisolublemente á economía».

-Despois de 34 anos como mestre en Rois, quince deles ademais como concelleiro do BNG, xa terá neste concello a súa segunda familia.

-Dende logo. Teño o pracer de poder pararme a falar con moitísima xente que anda por Rois e é moi satisfactorio poder saber quen son, que fan e quen é a súa familia.

-¿Que destaca de cando chegou a este concello?

-Rois era un terreo descoñecido totalmente para min. Non sabía nin que o había, pero non me sorprendeu, xa que eu coñecía o medio rural galego polos meus avós maternos. Rois non destacaba por nada especial aínda que, se teño que dicir algo, chamoume a atención o galego que falaban os nenos da parroquia de Buxán, que tiñan o mellor vocabulario.

-¿Que cambios viviu no ensino nestes anos?

-Rois foi o meu segundo destino. Empecei na antiga escola graduada mixta, o mesmo día que Anxo Longarela. En canto ao ensino, as condicións cambiaron moitísimo. ¡Nin imaxinabamos os adiantos que ía haber a nivel tecnolóxico, por exemplo! Cando cheguei a Rois, ter unha máquina de escribir era un luxo. Na clase de Educación Física usabamos un colchón que nos dera unha familia de Silvarredonda e, para financiar as excursións, proxectabamos películas os domingos, sacrificando o noso tempo. Lembro especialmente as reivindicacións para lograr melloras na calidade do ensino e, en concreto, unha folga que fixemos durante 30 días, 30 días sen cobrar. ¡Iso hoxe é totalmente impensable! Xa pola presión das propias familias.

-Tamén se reduciu o número de alumnos por aula e máis nun concello coma Rois, que perde poboación.

-Pois si, agora hai de 18 a 20 por clase e antes de 30 en adiante, case 40, rozando o límite.

- E os alumnos, ¿cambiaron?

-Si, os de antes eran máis cohibidos, máis educados e estudosos, aínda que non se pode xeneralizar. Agora son, ás veces, demasiado desinhibidos. Tamén é certo que agora teñen máis contacto co mundo exterior, por exemplo, a través de Internet e das excursións. O que noto é que nas clases tes que cambiar continuamente de tema para que non se aburran. Os alumnos de antes non se aburrían.

-Nestes anos veu como Rois perdía poboación. ¿É esta a gran batalla deste concello?

-Si, pero non depende de si mesmo. Debera medrar pero para iso debe reunir unhas condicións: primeiro, ofrecer traballo, segundo vivenda a prezos asequibles e, terceiro, oferta de actividades de ocio. Rois medrará, volverá a recuperar os 5.000 habitantes pero eu creo que o fará máis cara a zona alta de Urdilde, axudada pola autovía.

-Vostede foi o primeiro concelleiro do BNG na corporación política. ¿Que aportou este partido a un municipio rural e envellecido coma Rois?

-Hai anos houbo unha lista nacionalista, a de Antonio Gens, pero non tiña representación. O Bloque Nacionalista Galego aportou, en primeiro lugar, variedade e, en segundo, unha visión distinta das cousas, moi importante, por exemplo, en sectores como o gandeiro, cunha destacada presenza no municipio de Rois. Aportamos unhas propostas que non tiñan os mesmos obxectivos ca os doutros partidos. E, por suposto, introducimos o compoñente ecolóxico porque a ecoloxía e a economía deben ir unidas.