«Somos unha Universidade completa e fomentar a división tróuxonos a unha situación insostible»

La Voz

EDUCACIÓN

20 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A idea de Fernández Prieto de integración traspasa á comunidade universitaria para chegar ata as áreas de coñecemento.

-¿Ten pensado tomar algunha medida para dignificar as titulacións de letras, as máis humanísticas?

-Dignificar non é a palabra. Penso que abonda con non denigralas. Somos unha Universidade completa e fomentar a división tróuxonos a unha situación insostible que eu quero emendar. Cabemos todos e con un reitor de Humanidades aínda mellor. A USC precisa un paso polo humanismo e eu vouno garantir.

-Arrepíntese de ter entrado no goberno de Senén Barro?

-En absoluto, foi unha experiencia importante da que tivemos que saír porque o acordo de goberno implicaba solucións a problemas e reformas que as inercias impediron levar a cabo, porque pesaron máis e tiveron máis poder que as vontades de cambio. Saímos do goberno para propiciar unha candidatura que vencera esas inercias e aquí estamos.

-¿Que vai facer para reducir a burocracia da USC?

-A boa noticia é que non só os profesores senón tamén os xestores queren facelo. Unha xerencia profesional e non intervida polos intereses políticos dos reitores permitirá facelo. É cuestión de adecuar as nosas estruturas aos novos procedementos e deseñar unha xestión de acordo con necesidades de hoxe e non de hai 20 anos. Esta inventado, asegúrollo.

-¿Cal é o futuro dos PAS interinos que están a traballar en servizos de áreas da estrutura organizativa do anterior reitor que poden desaparecer?

-O persoal interino é unha mala solución para eles e para a institución. Propomos reducir as bolsas de interinos e a precariedade que iso conleva. Por outra parte, o que é necesario non é nunca prescindible.

-Na USC aínda se lle deben aos funcionarios cartos do 2009. ¿Como ten pensado aplicar o desconto do 5% anunciado polo Goberno?

-Contribuír ao esforzo de redución do déficit vai ser obrigado, como se faga haberá que estudalo e depende sobre todo de como o concrete o Goberno central, tendo en conta que os funcionarios docentes pertencen a corpos estatais, os PAS a un corpo galego, laborais e contratados son nosos ou autonómicos... O ideal sería actuar sobre os 10 millóns de débeda aprobados no último Claustro para non executala. Estudaremos as formas menos gravosas, en todo caso, unha vez coñecida a concreción das medidas por parte do Goberno central e autonómico.

-¿Que medidas tomará para evitar que a crise afecte á investigación?

-O paso do cemento ao coñecemento xa non é unha opción, é unha necesidade imperiosa. Sabemos e podemos facelo real e temos fórmulas: a primeira convencer á sociedade.