«Buscamos pasar unha hora divertida, non educar»

M. Beceiro SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

A intérprete dá vida a vintetrés personaxes na comedia «Sexo? Por que non?» que se presenta no Salón Teatro

08 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Salón Teatro acolle durante este fin de semana o inicio da xira de Sexo? Por que non? , o novo espectáculo da compañía galega Eme2, interpretado por Mercedes Castro baixo a dirección escénica de Álvaro Lavín. A actriz galega interpreta preto de vinte personaxes nesta trepidante comedia baseada en textos de Darío Fo, Franca Rame e Jacopo Fo. Sobre as táboas cobran vida Adán, Eva, un anxo, Yahvé-Deus, Carlos de Inglaterra, un señor de Boloña, un famoso cirurxián, Rosalía, o produtor do espectáculo, un tremoia, a irmá e a nai de Mercedes Castro, varias das súas amigas, algúns dos seus fillos, e incluso a propia Mercedes Castro. Todos eles para amosar situacións cotiás en torno ao encontro carnal e ao pouco que sabemos del.

-¿Cómo cabe tanta xente na obra?

-Cabe na imaxinación. A obra é unha adaptación do texto orixinal que presentou Franca Rame en España, interpretado por Charo López, co título de Tengamos el sexo en paz , que nós lle cambiamos porque en italiano non tiña tradución. A esencia do que é o espectáculo orixinal consérvase, incorporándose tan só un personaxe que conta a historia, pois no orixinal está concibida como unha conferencia onde se vai a falar de sexo.

-Pero a inspiración da obra de Rame é un libro moi explícito do seu fillo, Jacopo Fo, «O Zen ou a arte de foder», que tivo un éxito desmesurado entre a mocidade italiana.

-Si, a idea orixinal colleuna de aí, un libro que tivo moita demanda entre os adolescentes, polo que ela pensou que podería achegar algo levándoo a escena.

-¿A obra pon en cuestión moitos tabús existentes sobre o sexo?

-Si, o espectáculo trata diso, de romper os tabús, porque aínda que parece hoxe que temos todo o relacionado co sexo superado, no fondo non se fala con normalidade. Na obra falase deste tema con naturalidade.

-Mais con moito humor, en ton de comedia.

-Si. De feito os diálogos de Franca Rame e Darío Fo teñen ese toque duro pero de humor. A través da comicidade van cuestionando cousas, mediante unha personaxe que conta as súas experiencias sobre o sexo ata chegar ao final que é a lección do orgasmo.

-Sorprendente. En boa lóxica eu pensaría que a primeira lección, como primeira práctica sexual, debería ser a masturbación.

-A orde dos temas é do director, Julio Salvatierra, que fixo a adaptación e os colocou cronoloxicamente.

-¿E cómo se toma o público de diferentes idades estas leccións sexuais?

-Gozando e rindo. Na estrea nas Pontes tivo moi boa acollida, tanto por xente maior como nova. As membros dunha asociación de viúvas que foron estaban encantadas. Non pretendemos educar, senón que a xente se divirta, e se alguén saca conclusións alá cada quen con elas.

-¿É a primeira vez que interpreta unha peza de Fo ou Franca Rame?

-Non, xa fixera hai tres anos o monólogo Fálame de ti , e despois fixen unha substitución noutro.