«López Ferreiro rachou co historiador romántico»

Concha Pino

SANTIAGO

Fandiño, autor do prólogo e do estudo dos textos, di que sen este persoeiro non habería ano santo nin Xacobeo

04 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Consorcio e Alvarellos Editora presentaron na Feira do Libro o libro que veñen de publicar conxuntamente Apuntes históricos sobre Santiago , con once escritos do historiador galego do século XIX e coéngo compostelán Antonio López Ferreiro (Santiago, 1837 - Vedra, 1910), reunidos e estudados por Xosé Ramón Fandiño.

-¿A obra publícase por mor do centenario da morte de López Ferreiro?

-Si, porque o Consorcio e a editorial Alvarellos decidiron conmemorar o aniversario, porque polo que parece tanto o Cabido da Catedral coma o Xacobeo non se lembran que se non fose por el non habería ano santo nin Xacobeo. López Ferreiro foi quen levou a cabo en 1879, por encargo do arcebispo García Cuesta, as escavacións debaixo do altar para encontrar os restos do Apóstolo, ocultos dende que o arcebispo San Clemente os escondera en 1589 por medo a que Drake chegase á cidade e os profanase.

-¿Son textos inéditos?

-Inéditos en canto que non foron publicados nun libro, senón na prensa diaria e revistas especializadas entre 1868 e 1903. A súa produción como articulista erudito é inmensa, pero neste libro están once de temática compostelá dispersos en diferentes hemerotecas, agás El arcebispo don Suero de Toledo , que está na catedral. Decidimos incluílo porque complementa con argumentos históricos a novela de Neira de Mosquera La marquesa de Cambra , que editou no 2008 Alvarellos. Non se inclúen tres localizados por Fermín Bouza Brey que publicou a revista Compostellanum no 50 aniversario da súa morte.

-¿Foi o gran historiador de Santiago?

-A importancia de López Ferreiro radica sobre todo en que foi quen rachou co tipo de historiador romántico. Tiña unha gran formación, porque non só era crego. Tamén estudou Historia na Universidade de Santiago e en Madrid fixo os estudios de Diplomática. Foi o primeiro historiador galego que utilizou fontes baseadas en manuscritos, numismática e arqueolóxicas.

-¿A catedral foi o seu gran campo de traballo, non?

-García Cuesta non quería un teólogo, senón un historiador capacitado. E conectaban ideolóxicamente. López Ferreiro era un carlista furibundo, e interpretaba a historia a partires do Deus, Patria e Rei. Foi un apoloxista da Igrexa en xeral, e da compostelá particularmente.

-O libro tamén aporta apuntes biográficos.

-Catro exactamente, feitos por outros tantos autores coetáneos del. Por Eladio Oviedo y Arce, López Carballeira e Maiz Eleicegui, e un cuarto asinado por unhas iniciais indescifrables: J. L. Ninguén sabe quen é.