O colexio maior Xelmírez reúne esta tarde nun debate aos sete candidatos a reitor da USC
SANTIAGO CIUDAD
Os sete aspirantes a reitor ou reitora da USC reúnense esta tarde ás oito no primeiro debate público para confrontar e defender as súas propostas. O encontro está organizado polo colexio maior Xelmírez e vaise celebra nas dependencias deste centro residencial.
Os catedráticos Juan Casares Long, Mercedes Brea, Lourenzo Fernández Prieto, Pilar Bermejo, Juan Varela Durán, Jaime Gómez Márquez e Laura Sánchez Piñón terán a oportunidade de debater as propostas dos seus respectivos programas para gobernar a Universidade de Santiago nos vindeiros catro anos, tendo en conta que a situación de crise económica non lles permite facer alardes máis aló dos límites orzamentarios á baixa e dos plans de axustes internos que poden desenvolver sen deixar de apostar pola calidade da docencia e da investigación.
O reto da abstención
Os sete aspirantes, número que é un fito histórico, compiten nunha carreira contra a abstención polos votos de 30.000 electores posibles, pero nun marco no que o sufraxio universal ponderado dálle mais valor ás papeletas dos docentes fronte aos demais colectivos universitarios. O 5 de maio, día no que se celebra a primeira volta destas eleccións a reitor, só pasarán os dous candidatos que obteñan o maior número de votos.
O feito de que nas opción para chegar a San Xerome haxa máis reitorais de ciencias ca de letras, cinco contra dous, non clarifica a batalla. A independencia de corte liberal, máis ou menos conservador ou progresista, e un certo desmarque das plataformas que viñeron liderando os anteriores procesos electorais da USC, tampouco despexa as posibilidades.