«Nosferatu non é un bar ao uso, xa que está adicado ao cine clásico»

Begoña G. Rielo

SANTIAGO

Iago Fernández é un dos donos, xunto con José Manuel Varela e José Augusto Fuentes, de Nosferatu bar de cine, o novo local de ocio de Casas Reais que ten o mundo do cine como seña principal de identidade.

-¿Como xurdiu este proxecto?

-Os tres tiñamos ganas de montar un negocio deste tipo e decidimos facelo de xeito conxunto. Ademais, José Manuel é técnico de son e xa estaba bastante metido no mundo do cine.

-¿Por que un bar de cine?

-En xeral, en Santiago existe unha carencia de locais de ocio temáticos, e por iso pensamos que un bar ambientado no mundo do cine podía ser unha opción atractiva.

-¿Qué ofrece Nosferatu bar de cine?

-Nosferatu non é un bar ao uso, xa que está adicado ao cine clásico. Todos os días teremos unha película proxectada e ademais, cada semana, haberá unha proxección especial que publicitaremos no local. Ademais, tamén ofrecemos un tipo de música máis alternativa.

-E para tomar, ¿que ofrecedes?

-Ofrecemos chocolates e cafés especiais, cócteles feitos por un especialista e unha selección de cervexas de importación.

-¿Que horario ten?

-Aínda que vai estar aberto todo o día, o groso de eventos será en horario de tarde e de noite, xa que é cando a xente dispón de máis tempo libre para desfrutar das posibilidades de ocio que ofrece a cidade.