A emoción da beleza sen artificio

Concha Pino

SANTIAGO

O fotógrafo Luis López «Gabú» presenta nunha dobre exposición, na Casa da Parra e no Museo das Peregrinacións, máis de 40 imaxes de «Cristiáns puros de África»

19 mar 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

As túnicas brancas que visten para os cultos os cristiáns de Etiopía e Eritrea son claves no xogo de luces e sombras das fotografías de Luis López, Gabú, o artista coruñés que regresa a Compostela coa súa obra, esta vez cunha exposición titulada Cristiáns puros de África , que se reparte en dúas salas ate o 4 de xullo, na Casa da Parra, onde reúne as imaxes de gran formato arredor do tema culto e fe ; e no Museo das Peregrinacións e de Santiago, onde se poden ver as fotos arredor da peregrinación.

Gabú traballa sobre proxectos concretos, e este sobre Cristiáns puros de África naceu do seu afán por outras formas de espiritualidade en culturas pouco coñecidas e herméticas, pero cunha visión aberta. O seu obxectivo é provocar emoción e non tanto informar coas súas fotos, aínda que o coñecemento polas culturas e pobos que amosa ten moito que ver no impacto visual que causa. Percorreu o que el chama as Áfricas en diferentes viaxes entre 1999 e o 2008. Empezou en Guinea Bissau e rematou en Somalia, pero polo medio foi «á desterrada África do vudú de Haití». Expuxo o mundo da espiritualidade haitiana na Fundación Granell hai uns anos, no Museo do Pobo presentou o das escolas coránicas, as madrasas africanas, e esta vez achéganos unha visión íntima sobre os cristiáns máis antigos do mundo, porque a súa orixe é da época de Xesucristo, coa raíña de Saba como responsable pola relación que mantivo co rei Salomón, e a súa fe nunca foi imposta polos colonizadores europeos. A situación de illamento cultural e xeográfico mantivo este mundo cristián dentro da súa pureza e no descoñecemento para o resto do mundo. Son cristiáns ortodoxos coptos, e a súa espiritualidade vertébrase na cruz (as grandes nos altares e as pequenas sobre o peito das persoas), na Biblia e nas pinturas. Pero as túnicas brancas que cobren o corpo enteiro dos fieis representan a pureza e actúan, en palabras de Gabú, «como protección e escudo fronte ao exterior». Nelas, e nas miradas, recae a maxia das fotos deste artista.