«Imos ter que pedirlle máis paciencia á xente coas obras»

La Voz

SANTIAGO

As obras de reforma nas vías públicas teñen alterado de forma importante a circulación e a vida cidadá no último ano, e aínda non remataron.

-Nos últimos dous meses houbo cortadas á circulación 23 rúas. ¿Pódeselle pedir máis paciencia aos composteláns?

-Pois imos ter que pedirlla. Efectivamente é así e iso está dificultando a vida na cidade, sobre todo na circulación, pero o Concello tiña que aproveitar as oportunidades que lle xurdían, que veñen doutras Administracións e que nalgúns casos son inamovibles polas características dos fondos, como os do Estado, e noutra por unha vontade política de dificultarlle ao Concello a aplicación deses fondos ao non admitir a redistribución interna das anualidades, como no convenio do casco vello e o plan de travesías da Xunta, co que o que non se invista no ano correspondente pérdese, o que obriga a que haxa un montón de obras en paralelo. É difícil, pero os cidadáns van valorar o resultado porque as molestias son temporais e os resultados permanentes.

-E aínda quedan travesías importantes por empezar, e co Hórreo en marcha.

-Si, pero ningún cidadán entendería que deixáramos pasar esa oportunidade, e antes das obras tamén había dificultades. Estase co plan de mobilidade que ha de abordar mecanismos que eviten a entrada de tantos vehículos particulares na cidade e hai que pór en marcha aparcamentos de borde. O de Santa Marta está avanzando e aínda que non é unha solución definitiva está na liña de paliar os problemas de trafico de maneira estable.

-Si, pero cando os cidadáns non se fían de se lles vai pasar o autobús nun momento determinado...

-Creo que aí temos que salvar un pouco o tópico que está moi asentado de que os autobuses urbanos funcionan mal. Evidentemente non funcionan todo o ben que nos gustaría e o plan de mobilidade seguro que provocará reformas, pero se falamos cos usuarios verdadeiros non hai unha opinión tan negativa e chegan moito máis, a moitos máis sitios e de moita mellor maneira do que pensamos.