García di que aínda «non toca pensar» no cartel do BNG para as municipais e que as enquisas que «máis nos interesan son o contacto directo coa xente, e á xente gústalle vivir aquí, o que quere dicir que o labor político dende o Concello é ben valorado.
-Vai para dous anos que asumiu o liderado do seu grupo, pasando do posto catro ao un.
-Sigo no posto catro da lista, bueno, agora no tres.
-Si, pero, ¿opta a renovar ese liderado coas próximas eleccións?
-De momento quedan moitos proxectos que hai que cumprir e estamos nun ano especialmente difícil e non toca pensar niso. Ademais, no BNG entendemos que a participación en política é colectiva e as decisións sobre as candidaturas tamén o son.
-Tan importante como a decisión do partido é a dispoñibilidade persoal.
-Pois creo que teño a mesma que toda a filiación do BNG, que estamos dispostos a traballar politicamente polo país onde nos toque.
-¿Pensan que o desencanto co bipartito autonómico pode pasarlles factura?
-Creo que non. O bipartito local ten 10 anos de vida e ten demostrado que foi positivo para Santiago. Non é igual a política municipal que a autonómica e os cidadáns saben valorar o que significou o goberno local en Santiago, e estamos seguros de que os resultados van ser bos.
-¿E o caso Incolsa?
-Creo que non hai caso Incolsa. Incolsa está pasando polas dificultades lóxicas e estruturais que proceden de que é unha empresa para promocionar Santiago. É difícil que unha empresa destas poida xerar beneficios e se as administracións que a sustentan deixan de aportar diñeiro, e a metade de carreira, a dificultade está clara, obriga a reaxustar sobre a marcha.
-Pero o que se puxo en cuestión non era o sistema de financiación, senón a tramitación de determinadas facturas.
-Iso foi claramente explicado no pleno e nos medios. Que pode haber erros que se aproveitaron para crear malos entendidos e mala imaxe da empresa, parécenos xogar sucio. E xa dixemos desde o primeiro momento que se hai algo punible que foran aos tribunais, e non foron.