Aínda que crítica en xeral coa vontade de colaboración do Goberno galego, entende que é posible o cambio de liña do Xacobeo, que ela leva máis alá da súa promoción
Socorro García Conde (A Pontenova, 1968) lidera o goberno local con Sánchez Bugallo, como número dous do bipartito dende a marcha hai cáseque dous anos de Néstor Rego. Contratada laboral do Concello de Santiago dende 1991, afronta agora a vida municipal dende a xestión política e amósase moi crítica coa nova Xunta.
-O 2010 acaba de arrancar, pero en Santiago fíxoo con moito rebumbio.
-É lóxico tal como comezou, cunha promoción dende a Xunta que esquecía, facía desaparecer á propia cidade, meta do Camiño, cunha programación basicamente descoñecida por todos os sectores e cunha práctica nula colaboración co Concello. Parece lóxico que a cidade reaccionara. Pero creo que é posible que se cambie a liña, houbo algún movemento na boa dirección, pero falta aínda moito para que se logre a satisfacción de Santiago, e todos coincidimos en querer o éxito do Xacobeo.
-¿E que falta, porque non lles abonda coa mención ao Camiño?
-Cómpre, xa que non hai unha colaboración, que se cortou, con Turismo de Santiago, para que a propia cidade poida facer promoción turística, que se supla de algún xeito dende a Xunta, porque sexa Xacobeo ou un ano ordinario, Santiago é a principal atracción turística do noso país. Cómpre seguir mellorando iso para que o turismo se desestacionalice. E fai falta resolver a situación que se produce de que os veciños de Santiago teñan que afrontar do seu peto a atención a servizos que hai que reforzar polo Xacobeo en seguridade, limpeza e información, e non hai esa colaboración institucional por parte da Xunta.
-Pero a ruptura do apoio a Turismo de Santiago xa se deu co bipartito e dende unha consellería gobernada polo BNG.
-Non estou de acordo. O que mudou foi o deseño da política de relación coas compañías de baixo custo, pero fóra diso había o compromiso de manter unha colaboración directa con Turismo de Santiago para apoiar accións de promoción.
-Que non se concretou.
-Houbo un acordo e vontade política de colaboración que quedou cortada coas eleccións e que se podería retomar por parte deste Goberno se houbese vontade política, pero non a hai, e non se pode desculpar a falta desa vontade dicindo que o Goberno anterior non chegou a documentar ese convenio.
-O seu grupo chegou a acusar á Xunta de intentar minar ao goberno local.
-Que vemos algún tipo de manobra de carácter político, creo que o vemos nós e todo o mundo. O PP dixo nun pleno que a Xunta non ía ser o frotador para o goberno municipal, anunciaba con toda claridade que a colaboración ía ser difícil e, a partir de aí, unha serie de asuntos importantes para a cidade ou quedaron paralizados ou se intentaron obstruír.
-Cre que o Goberno galego non entendeu a esencia de Santiago na celebración xubilar.
-Dende o BNG cremos que non é só respecto a esa celebración, senón ao papel de Santiago en xeral, que non está asumindo en absoluto o papel de Santiago como capital de Galicia. E non desmerece o que son outras cidades do país nin vai en detrimento dos seus dereitos que Santiago estea atendida e conte coa colaboración que lle corresponde.
-Dende o goberno local din que á oposición non lle gusta Santiago, e esta sostén que aquí non hai un goberno senón dous e sen ilusión nin iniciativa.
-Os cidadáns teñen claro que hai un goberno formado por dúas organizacións que funciona como un goberno unitario, o que non quere dicir que non haxa matices. E a maior mostra de ilusión e de que hai obxectivos é a transformación da cidade, e os cidadáns o perciben.
-Vostede é traballadora deste Concello, coñece ben a administración dende dentro. ¿Como se vive dende a xestión política?
-Non ten nada que ver, porque sufres continuamente por ter que dicirlle que non a moitas cousas que son razoables e sentidas pola xente. Iso como traballador non pasa, moitas veces tes que pór a cara ante o cidadán, pero sempre hai un responsable político detrás, neste caso tes que afrontalo directamente, é o máis duro deste traballo.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios