«Creo que a miña próxima novela vai dar que falar»

Concha Pino

SANTIAGO

O autor catalán e galego di que é un paradoxo que ninguén se atrevera a novelar o tema xacobeo

30 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O escritor catalán Pere Tobaruela, afincado en Compostela dende hai uns anos ata o punto de que é autor de literatura infantil na nosa lingua, aborda na súa primeira novela xuvenil, A cripta do Apóstolo, a historia do Camiño de Santiago en clave de aventura. O lanzamento desta novela está previsto para o 10 de marzo, e será de forma simultánea en castelán e en galego, publicada por Ediciones B e por Edicións Xerais, grazas a un acordo entre ambas editoras.

-¿O ano santo tamén é de oportunidade literaria?

-Dende que estou en Galicia intento dar a coñecer o mundo galego máis aló desta comunidade autónoma e quero aproveitar o ano santo como trampolín. O paradoxo é que cun tema que está tan á orde do día coma o do culto e tradición xacobea ninguén se atrevera a algo así, porque o camiño de Santiago ten moitas lecturas máis aló da relixiosa.

-¿O libro é de aventuras?

-Si, pero non só de aventuras, porque hai un trasfondo de interese para públicos amplos, no que os adultos poden aprender cousas, porque contén moita información histórica e social. É unha novela moi harrypottiana , no senso de que ten un formato de maxia, pero apegada á realidade, porque pasan cousas máxicas, misteriosas, vinculadas á simboloxía xacobea. Na primeira parte novelo a lenda do Apóstolo, pero a novela transcorre no tempo actual cun paralelismo coa lenda e co pasado.

-¿Terá continuidade, como Harry Potter?

-Nese senso non. A historia desta novela ten un principio e un final. É a aventura de catro amigos, de catro rapaces que deciden vir a Santiago na viaxe de fin de curso cos compañeiros do colexio, e pasan cousas. Pero traballo noutra obra sobre a historia compostelá.

-¿«A Cripta do Apóstolo» é a súa obra literaria máis ambiciosa?

-Si, no sentido de que ten máis proxección de públicos, ou porque ten máis atractivos para que se venda ben.

-E porque sae en castelán e en galego á vez, ¿non?

-Tamén, porque é unha colección sine qua non entre as dúas editoriais. Xerais fai unha aposta moi forte, porque paga a tradución, que é moi contundente e moi traballada, dunha obra voluminosa, de 340 páxinas.

-Tamén é atleta e onte déronlle en Ourense un premio por iso. ¿Que lle parece que lle chamen o Murakami galego?

-¡Xa me gustaría ser coma el a nivel de vendas! Pero todo se andará, non me podo queixar. Creo que darei que falar con esta novela. Fixen atletismo de rapaz, pero deixeino porque non podía vivir diso. Agora volvo facelo como complemento á miña actividade literaria e compito na liga estatal de veteranos de máis de 40 anos en marcha atlética. Teño a marca galega en 10 quilómetros.