«Os nenos aprenden a crear e expresar historias propias a partir dun conto»

C. P.

SANTIAGO

30 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

No centro sociocultural do Ensanche desenvolven nestas vacacións de Nadal unha actividade de animación á lectura na que participan 40 nenos e nenas, a maioría do barrio, que require a implicación continuada para levar a cabo un proceso de traballo creativo que remata o 8 de xaneiro, pero que ademais vai ser recollido nun documental para facer chegar a máis xente o resultadao final.

-¿Trátase de desmitificar o personaxe de carapuchiña?

-Non, consiste en desmontar literalmente o conto e que os nenos creen historias alternativas e propias a partires dos personaxes deste conto tradicional. O obxectivo é traballar a creatividade, a expresión corporal e dramática para contar o que queren dicir.

-¿Un proceso escénico completo?

-E no xénero que elixe cada grupo, desde os títeres ao teatro de sombras ou de personaxes. Fano todo, o guión, a escenografía e os títeres se é o caso. É un proceso guiado no que eles aprenden a crear e a expresar as súas historias despois da lectura, o primeiro día, no conto de partida.

-¿Representarán as obras?

-Si, o 8 de xaneiro. E filmaremos un vídeo co resultado final e con partes do proceso, de maneira que haberá un documental que se presentará na semana cultural do centro en abril.

-¿A implicación motívaos máis?

-Sobre todo aprender que as cousas non se fan nun día, a seguir un plan e a traballar en grupo. Esa é a liña que nos interesa, sustentada no ritmo.