Yolanda Castaño contempla con distancia e tenrura os poemas reeditados no libro «Erofanía»

M. B.

SANTIAGO

15 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Yolanda Castaño presentou na Libraría Couceiro Erofanía (triloxía poética 1995-1998) , a reedición conxunta dos seus tres primeiros libros, que a catapultaron como poeta nese período, e que son Elevar as pálpebras, Delicia e Vivimos no ciclo das Erofanías . Nesta reedición, revisada e corrixida, da editorial Espiral Maior, figuran practicamente todos os poemas deses primeiros libros de Yolanda Castaño, uns poemas que a escritora contempla hoxe con distanciamento.

«Hai máis de once anos que escribín estes poemas, co cal xa teño unha perspectiva para botar unha vista atrás -recorda a escritora-. Desde entón cambiei moito. Eu estes poemas contémploos desde a distancia pero tamén con certa tenrura. Case non me recoñezo pero asumo que forman parte de min, igual que cada onte alimenta o noso hoxe e constrúe a nosa identidade actual».

Aínda que as edicións destes poemas están esgotadas, segundo resaltou a poeta galega, non é habitual que un editor se arrisque a editar mil exemplares. «Iso -comentou Yolanda Castaño- é o que temos que celebrar, ese risco e aposta do editor e dos lectores. Creo que iso fala moi ben da poesía no noso país».