A agrupación musical municipal de Santiago, a máis antiga de Galicia, cumpre 160 anos de actividade que non se interrompeu nin durante a Guerra Civil
22 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O pasado día 1 de outubro Xosé Carlos Seráns pasou a ser o novo director da Banda Municipal de Música de Santiago. Atrás deixaba todo un camiño recorrido antes de dirixir a máis antiga banda de música de Galicia. Aínda que nacido no concello de Ribeira, desde os 9 anos viviu en Porto do Son, desenvolvendo despois a súa carreira en Ferrol e Santiago.
-Podemos comezar dicindo, pois, que leva o son no corazón e no corpo.
-Iso está claro. Cada vez que podo marcho para Porto do Son. Alí empecei na Banda de Música de Camaño, no concello do lado, con 11 anos. Despois, cando fun á mili -eu fun dos que tiven que ir á mili- vin a Banda do Tercio Norte. Quedei deslumbrado por aquilo e dixen «isto é o que eu quero». Fíxenme músico profesional militar e ingresei naquela banda. Ata que no ano 87 vin para Santiago.
-A música militar, pois, o soubo levantar.
-Pasei cinco ano alí e despois deixeino.
-Pasou logo á música civil.
-Efectivamente, á Banda Municipal de Santiago, na que levo 22 anos.
-Así ata o pasado día 1 de outubro, en que foi nomeado director dunha banda de música que este ano compre 160 anos. ¿Cantos directores tivo en todo este tempo?
-Pois eu son o director número 13.
-Mal número.
-Ou non.
-¿A banda compostelá foi profesional en todos este anos?
-Non sempre foi profesional. Tivo as súas orixes amateurs. De feito era a banda do hospicio, colaborando na formación dos nenos e nenas que estaban no hospicio a nivel musical. Iso foi en 1849, se mal non recordo. Despois, en 1876, é cando o Concello se fai cargo dela, e a partir de aí é unha banda popular na que o Concello asume unha serie de gastos. Aínda que non teño datos de cando se profesionalizou ao cen por cen.
-Podemos dicir que a profesionalización de cheo debeu producirse co inicio da etapa democrática.
-Si. Porque naquel principio, cando gobernaba a UCD, con Adolfo Suárez, recordo que os músicos dicían: «E que nós aquí, co diñeiro que gañamos na Banda Municipal, sobreviviamos medio mes, e o outro medio había que buscarse a vida por aí». Entón aí veu o asunto de que a xente estaba en orquestras, facía outras actividades porque, claro, hai que sobrevivir.
-Durante a Guerra Civil, e na etapa posterior, moitas bandas de música en Galicia desapareceron ou quedaron minguadas. ¿A de Santiago chegou a parar a súa actividade?
-Si, moitas desapareceron. Quedaron minguadas e despois volvéronse reunir. No caso de Santiago non temos datos de que a Banda desaparecera momentaneamente. Non chegou a desaparecer nunca. Ten 160 anos de actividade ininterrompida. -Durante a República tiña nada menos que 52 músicos. -Si. Actualmente temos 38. Somos unha banda moi humilde, de cadro bastante reducido.