Hai estudos que dan para un século antes algúns documentos

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

José António Souto transcribe e reproduce fac-similarmente o texto de 25 de agosto de 1231 na monografía editada o ano pasado pola Revista Galega de Filoloxía , da Universidade da Coruña, titulada Documentos galegos-portugueses dos séculos XII e XIII . Segundo este reputado medievalista, os seguintes textos en galego máis antigos teñen data de 15 de outubro de 1232, 4 de febreiro de 1233, sen data (que atribúe ao período 1234-1236, aínda que con interrogante), 13 de abril de 1237 e xa, na década seguinte, setembro de 1241. Os restantes, que completan no total 246 documentos serían posteriores. O volume de documentos galegos divulgados por este este especialista é moi superior ao de documentos portugueses.

Logo do acordo inicial sobre o máis antigo por parte de Henrique Monteagudo, que difundiu o seu traballo na revista Estudos de Lingüística Galega editada pola USC, falta por coñecer se no novo volume que anuncia, de coautoría con Ana Boullón, hai novas coincidencias, ou discrepancias, nos posteriores.

José António Souto investigou en 14 arquivos de institucións, entre eles dous de Santiago: o Arquivo Histórico da USC, onde se conservan dous documentos; e o do Mosteiro de Ante-Altares, onde gardan outros cinco, entre eles os dous mais antigos conservados na cidade, datados o 10 de xullo de 1255 e o 1 de marzo de 1256, os dous orixinarios do mosteiro de Sobrado de Trives. Neles son relatadas cuestións sobre propiedades de terras.

Sobre a complexidade deste traballo de investigación, Souto alude a un documento galego-portugués procedente do mosteiro de Santa Clara de Santiago a que Gloria Eiján Moyano, en 1969, atribuíu a data de 1243, a pesar da case imposibilidade de ler da sigla numeral; no entanto, a análise do orixinal, conservado no mosteiro compostelán de San Francisco, levou a este especialista a establecer a súa data en meados do século seguinte.

Souto afirma ter tomado como base a consulta de orixinais, na medida en que lle foi permitido por parte das entidades e institucións que os custodian, o que contribuíu para un mellor esclarecemento das datas e outras características dos textos.

Entre Souto e outros especialistas da USC había por veces importantes diverxencias, como el mesmo recoñece. En ocasións por ter acontecido confusións semellantes á Eiján Moyano e dar para un século textos que correspondían a outro posterior.

Os estudosos da USC foron pioneiros no estudo deste asunto. Souto mesmo figura entre os investigadores de maior relevo na pesquisa dos textos portugueses máis antigos. Estes traballos, que tiveron importante repercusión, prestixiaron así á USC.