«Presentámonos en Santiago cos temas da nosa primeira maqueta»

C.?P.

SANTIAGO

Os camiños da música levaron a Juan Luis Sánchez (Compostela, 1986) a Barcelona, onde fundou unha banda, Proyecto Cumaco, que fai jazz de fusión con ritmos latinos e funky. Mañá debutan na praza do Toural cun concerto dentro do programa das festas.

-¿Como explica o nome da banda?

-Naceu en Barcelona como un proxecto meu e de David Italiano no seo do Taller de Music, a escola superior na que estudamos. E cumaco é o nome do tambor típico de Venezuela, o país de David. O proxecto está en marcha, medrou e vannos saíndo cousas. Nun ano pasaron moitos músicos polo grupo, pero os definitivos son catro e máis os creadores.

-¿E debutan en Santiago, non si?

-Santiago é o primeiro sitio no que actuamos fóra de Cataluña. E decidimos lanzar aquí a primeira maqueta da banda, cunha portada deseñada por un amigo que tamén é compostelán, Daniel Álvarez. Son seis temas que estarán no disco que agardamos gravar nuns meses.

-¿Cantos temas son seus?

-Hai dous, Funky del Sur e La conga llegó , que cantado soa como lacón gallego, un xogo de palabras que me descubriu un cubano.

-¿Deixou o piano pola percusión?

-Non o deixei, porque compoño ao piano, que é máis íntimo. Pero a percusión ganoulle á música clásica. Descubrina cos grupos que viñan actuar a Santiago, e empecei aquí a estudar con Suso Troncoso e con Leo Pimentel.