«Ordes precisa recuperar xa o seu papel de motor da comarca»

B. de A.

SANTIAGO

09 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Ramiro Recouso Liste -administrativo de 41 anos- é un histórico nacionalista do Bloque Nacionalista Galego (BNG) fundador do partido en Ordes en 1994. Foino todo: responsable local, voceiro municipal e mesmo responsable comarcal en Santiago. Agora volta a ser o responsable local, en substitución de Xesús Ríos.

-Semella que non son bos tempos para o nacionalismo...

-O movemento nacionalista sufriu en Galicia un revés electoral pero agardamos recuperar o respaldo e ser de novo alternativa de goberno. En Ordes estamos fortes, unidos e cada vez somos máis.

-Pero tampouco gobernan en Ordes...

-Cando nas últimas eleccións se agardaba un xiro á esquerda o PSOE optou por pactar cos grupos disidentes do PP. Houbo sete candidaturas, como é ben sabido, pero tres eran do PP, de maneira que se conformou un goberno continuista ao de Martino. De feito, Regos fai o que fixo xa antes: continuamos igual, as necesidades básicas non son atendidas e non se fixo nada en urbanismo nin en creación de emprego. Ordes precisa recuperar canto antes o seu papel de motor económico na comarca pero con este batiburrillo gobernante non hai nada que facer e ás probas me remito: non hai cambio algún.

-¿Que pulo precisa Ordes para medrar?

-Un cambio á fronte do goberno, pois no Concello seguen as mesmas persoas conservadoras de toda a vida e, así, non hai maneira. Urxe canto antes cambiar as dinámicas de poboación, de crecemento urbanístico e de creación de emprego, ademais de crear novas infraestruturas para saír do estancamento.

-¿De que maneira se pode facer iso?

-É fundamental captar industrias foráneas e non perder máis o tempo. Temos ao carón dous competidores importantes, como son Cerceda e Oroso, que se encontran en aberto crecemento. Ordes ten as mellores condicións por situación xeográfica e capital humano para facer un concello atractivo, pero o certo é que segue estancado.