«Moitos estudantes viviron traxedias persoais moi serias»

EDUCACIÓN

Pensa que Psiquiatría vai perder presenza coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior e ve «decepcionante» o novo proxecto de estudos

07 jul 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Facultade de Medicina ensina Comunicación Médico-Doente desde o curso 2002-2003. Isabel Salazar, profesora desta materia, moi valorada e reivindicada sobre todo por profesionais e sociedades médicas de atención primaria, foi requirida aínda hai pouco en Madrid para un encontro especializado sobre esta disciplina, como docente pioneira da mesma en España.

-¿Como se implantou esta materia en Santiago?

-Foi unha demanda de Psiquiatría que tivo acollida no actual plano de estudos. É unha materia optativa do terceiro ano, con 3 créditos teóricos e 1,5 de práctica, e cunha ampla demanda, pois a matrícula nunca baixa de 300 estudantes, mesmo superou os 350, algúns de facultades como Psicoloxía, Enfermaría, Farmacia, este ano mesmo de Dirección de Empresas.

-¿Como é a parte práctica?

-Xa as organizamos pensando no Espazo Europeo de Educación Superior: a metade son non presenciais, de traballo do alumnado, que consiste en ver e comentar tres películas de temática sobre a relación de médico e doente, a vivencia da enfermidade, situacións terminais, como dar malas noticias, a axuda na dor, comunicación verbal e non verbal, e temas semellantes. Usamos as aulas virtuais, e guías metodolóxicos para traballar. A outra metade é de prácticas presenciais, para que aprendan a reflexionar e ver a través dun estímulo como é o cinema, e observar problemas no outro. Eu disfruto con esta materia e procuro que o alumnado, moi novo, tamén. É un tempo importante na formación de Medicina, porque comezan coas prácticas clínicas e poden comprobar o que aprenden na forma de ser do seu profesorado, ser así observadores críticos do que ven, iso é moi interesante. Moitos pensan que deberían profundizar na materia no segundo ciclo.

-Hai moita presenza da medicina no audiovisual, ¿é positiva?

-Hai moita. A serie House , por exemplo, é valiosa para aprender o que facer ou non. Moita xente pensa que é un modelo a seguir, cando en moitas cousas é antimodelo, e pode ser traballada nas aulas de maneira divertida.

-¿Aprende o alumnado a estar no lugar do doente?

-Iso non é posible. O que podemos facer é sentir co outro, e iso non é difícil. Moitos estudantes viviron traxedias persoais moi serias, nas súas casas, por doenzas graves, mortes, sufriron a dor con moita proximidade; unha porcentaxe importante teñen xa esa experiencia.

-¿Como vai quedar a materia no futuro?

-Non o sabemos. Na memoria de grao aparece compartida con Ética Médica, cando son ramas de coñecemento diferentes. Tamén se pretende adiantar para segundo curso, e non me parece acertado para a traxectoria do alumnado, ao que lle faltarán nesa altura coñecementos básicos.

-Tamén atende a Unidade de Asesoramento e Apoio Médico-Psicolóxico, ¿como valora esa experiencia?

-Atendo esa Unidade xunto coa profesora, tamén de Psiquiatría, Ángela Torres. O actual decano, José María Fraga, ofreceu un apoio e un investimento importante e favoreceu que teñamos unhas instalacións mellores, con maior intimidade. Inicialmente era para asistir só alumnado de Medicina, e co tempo ven de máis centros da USC, mesmo problemas familiares. Vemos sobre todo trastornos adaptativos, crises de ansiedade, pequenas fobias, en tempo de exámenes situacións de estrés, problemas derivados de separacións familiares que repercuten nos estudos. Sería bo que o Reitorado a recoñecese e lle dese apoio como se solicitou desde Medicina.

-Falaba antes do Espazo Europeo de Educación Superior, ¿como vai afectar á Psiquiatría?

-Penso que vai perder, que queda moi prexudicada. Eu testemuñei as frustracións do catedrático Antonio Rodríguez cando se deseñou o actual plano de estudos. Esta era unha ocasión de ouro para a nosa área, había expectativas moi amplas, e vemos que se vai conseguir menos do que tíñamos. Sendo unha materia clínica non ten prácticas clínicas, nin de laboratorio, até que chega o rotatorio; non vai ser unha especialidade como Otorrino, Xinecoloxía, Oftalmoloxía e outras. O novo proxecto de estudos, tal como está, é decepcionante: materias que por lei debían ter 6 créditos teñen só 3 e non se aceptaron alegacións, falta transparencia no proceso.