Matrona durante décadas, axudou a nacer a miles de composteláns e de coruñeses ate a Costa da Morte, e presidiu a Asociación do Traxe Galego ate hai un meses
30 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Algúns centos de composteláns e da contorna, e coruñeses da capital e da Costa da Morte, viñeron ao mundo coa axuda de Pilar Domínguez Noya. Eles e elas non a lembran, pero súas nais seguro que si, porque estivo con elas no traballo ou proceso de parir.
Esta compostelá que naceu e segue vivindo no barrio de San Caetano fíxose matrona case por casualidade, porque o que estudou foi Maxisterio, «do plan do 42», matiza ela. Pero como ía casar e o que lle agardaba era algunha aldea lonxe de Compostela, decidiuse a estudar para matrona, e anos despois titulouse como ATS. «A miña intención era facer Medicina, pero un día que baixei ao depósito, aquel olor a formol non se me foi da pituitaria durante moitos días, e o corpo non me quería aquilo». Na súa etapa de alumna tocoulle facer prácticas no Hostal, daquela hospital, e estreou o novo Xeral que xa non existe.
Tiña praza de comadroa de zona, e naquela vella organización sanitaria, dependía da Coruña e tiña que ir un día á semana facer unha xornada de traballo. Traballou na sanidade pública e na privada, e lembra a dous médicos cos que colaborou estreitamente no Xeral de Galicia, «os doutores Pellín Padín e Pino, dous referentes moi importantes para min, porque eran uns profesionais marabillosos e unhas persoas fóra de serie».
Pilar atendeu centos de partos a domicilio cando viñan buscala a deshoras, «quedando coa muller ate que había seguridade de que estaba fóra de perigo, e tentando que o traballo para o parto fose o máis tranquilo para ela, ás veces nunha casa chea de nenos que durmían ao ladiño, e outras sen ninguén que puidera atender a mulleres que quedaban soas cando o home se ía traballar». Conta que sempre lle deu tempo a trasladar a unha parida cando se presentou algún problema que requiría atención hospitalaria. «Lémbrome que unha vez, na zona de Nemenzo, presentouse unha emerxencia e fixeron unha padiola cunhas varas e unha manta para levala polas corredoiras ate a estrada, onde a trasladaron no camión do leite». Asegura que foi aprendendo educación maternal soa, «porque a necesidade obrígate a facer moitas cousas por sentido común. Pasaba moitas horas ao lado dunha muller de parto, e dábache o sono, e dicíalles que se relaxaran, dábaslles a man para que estiveran tranquilas, dicíaslles que berrar non valía de nada...»
Pioneira
Acabou na cidade herculina, no ambulatorio San José durante moitos anos, despois dunha longa etapa laboral no hospital privado Nuestra Señora de Belén, «no que aceptei unha oferta moi boa, porque me veu moi ben economicamente, e na que malia algunhas cousas coas que nunca se está de acordo, traballei moi a gusto co doutor Ron».
No percorrido pola súa vida profesional, chaman a atención os acontecementos que protagonizou Pilar para mellorar a atención ás mulleres, primeiro a hora de parir, e despois procurando que tiveran información e atención especializada en centros de planificación familiar e nas consultas dos primeiros centros de saúde coma o coruñés de Elviña, «ao que fun durante anos á marxe da miña xornada, sen cobrar nada por iso, cando se poñía en marcha o programa da muller». Foi unha pioneira, avanzada ó seu tempo, que se emociona cando lembra a loita para conseguir que un grupo grande de matronas sen praza accederan aos postos que estaban ocupando ATS, «o que me valeu críticas e discusións, pero que non me importaban porque se trataba de defender o que era xusto».
Ten moi viva a memoria da súa infancia no barrio de San Caetano, de cando xa levantaran o edificio que agora ocupa a Xunta, pero medio abandonado ate que foi readaptado para os usos que tivo, dende os de Hospital Militar e cuartel ate os de instituto masculino e Colexio Rexional de Xordos. Son recordos marcados polo proceso de expropiacións forzosas das leiras e das casas, «a maioría moi pequenas e humildes» que había na contorna, cruzada daquela só pola estrada da Coruña. A casa familiar de Pilar tamén foi expropiada, igual que as leiras que tiñan onde hoxe está a rúa do Pino, polas que a cambio recibiron uns pisos. Ela vive case no mesmo sitio no que estaba a súa casa, nos edificios que construíron a carón da sede da Xunta, separados aínda por uns terreos privados cheos de herba «que formaban parte da finca de Freire, unha propiedade moi grande que na meirande parte tamén lles expropiaron». Está moi contenta no barrio, aínda que di con certa nostalxia que non se parece nada ao da súa nenez.
A historia vaise escribindo con estes e outros trazos grosos. Na de Pilar hai moitas cousas boas, «pero tamén moi amargas e tristes» como a morte dunha filla «porque o peor que pode pasar é sobrevivir aos fillos».
Dende que se xubilou entrou a formar parte de maneira moi activa durante anos na Asociación do Traxe Galego, que lle serviu de válvula de escape. Foi vogal, vicepresidenta e presidenta ate hai uns meses, e segue sendo socia. Pero xa estaba en contacto co mundo do traxe «porque teño unha amiga que é modista que tiña moita amizade con José Luis Míguez Abucide, bailarín e un gran loitador na procura da recuperación do traxe tradicional e da súa dignificación. Bordaba os traxes admirablemente, traxes que hoxe son auténticas xoias, coma o que se levou a Roma a unha recepción do Papa e os que teñen algunhas familias de Compostela».