A Mesa critica as decisións sobre o galego do Valedor e pide que haxa unha dimisión na Xunta

La Voz

SANTIAGO

A Mesa pola Normalización Lingüística criticou onte recentes decisións sobre o galego do Valedor do Pobo, Benigno López; e da Xunta, e cualificou ao presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijoo, como «enterrador do galego», segundo palabras do presidente da entidade, Carlos Callón. Pediu a dimisión do secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, por entender que asinou un documento para eliminar a proba tipo test en galego nas oposicións, e retirar o requisito de coñecemento da lingua para determinadas prazas.

A Mesa reproba o relatorio sobre o galego presentado polo Valedor. Callón afirma que chegou a «agrupar 26 queixas con 26 casos diferentes, acontecidos a persoas diferentes, nun único expediente». O Valedor recolleu 150 queixas por vulneración dos dereitos lingüísticos no último ano, unha cifra que valoran de baixa .