O CGAC foi o espazo elixido para a presentación do primeiro libro de David Durán Arufe (Santa Comba, 1979), Palabras xordas para oídos necios. Cinco estudos para 2 recitadores , publicado por tresCtres na colección Vilaronga .
-¿Por que estudos se son versos?
-Si, son poemas, pero é unha proposta de facer poesía máis música, dun ámbito común, no que ritmo e poliritmo están nos versos e nas palabras. E son cinco partes diferentes, pero coa mesma plasticidade e estética, un ciclo, que deben ser lidos por dúas persoas, nunha sorte de combinación literaria e poética coa musical, que manteñen unha estreita relación.
-¿A innovación está na estrutura?
-Non estou seguro se é novo ou non en canto a escrita, porque dende o punto de vista musical non o é. En tal caso éo como ámbito común, porque o libro está feito para escoitar, ou para ler na compaña do deuvedé que vai co volume, porque o feito sonoro ten unha importancia grande, posto que a música é intrínseca ao poema.
-¿Non tiña publicado antes?
-Ate o de agora sempre tiven interese pola literatura e a poesía en concreto, pero como afección. Non me decidira a facer un libro ate que este me saíu dun tirón. O proceso foi longo, pero dende o comezo tiña claro que tipo de proposta quería facer.
-¿Que temas aborda?
-Son moi abertos á interpretacións diversas. Unha obra de arte ten que falar por si soa.