A Correlingua máis numerosa reclamou maior uso do galego

La Voz J. G.

SANTIAGO

O IES de Arzúa gañou o premio de animación e contaxiou a súa música

08 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Máis de 4.500 estudantes do ensino non universitario participaron na que foi a Correlingua máis numerosa das organizadas en Compostela. A maioría levaban camisolas brancas, co lema En galego! Pásao , aínda que outras moitas mensaxes se podían ler, como A nosa lingua é azul e branca , que promocionaba o colexio da Picota, Vive en galego , ou Eu xa vexo o galego, e ti ?

Das 11.00 a pasadas as 13.15 horas houbo moita animación. A saída da proba resultou impactante, pois esta vez partiu de Santa Susana, e a grande cantidade de escolares de moi diversas idades ao baixar pola Alameda parecía un auténtico batallón en defensa do idioma.

Disfraces, maquillaxe, música, cancións, e moi bo ambiente contaxiaron a que xa é unha clásica celebración do mes de maio. Esta vez viñeron centros de máis lonxe e tamén se sumaron máis da cidade, que percorreron as rúas da zona monumental e regresaron para a Alameda, onde se celebrou a festa final.

Actuaron o grupo de rapeiros do IES Xelmírez II de Compostela, un centro moi representado na proba, non só por alumnado, pois tamén se achegaron varios docentes.

Chévere levou ao palco un espectáculo onde un pai, disfrazado, tentaba convencer o fillo da conveniencia de falar castelán en lugar de galego, pois moito mellor lle iría na vida; no entanto, non conseguiu o seu obxectivo, foi desenmascarado, e no final os dous se fundiron nun abrazo de reencontro. A actuación finalizou coa interpretación dunha canción, O galego está en ti .

No acto de entrega do premio á mellor animación estiveron Socorro García, como alcaldesa en funcións; Mercedes Rosón, concelleira de Normalización Lingüística; Anxo Louzao, da CIG-Ensino, e Fran Rei, da Mesa pola Normalización Lingüística.

O centro premiado foi o IES de Arzúa, que trouxo 62 estudantes a Compostela, acompañados de profesorado, que viñeron en dous autocares, e levaron como premio unha mochila e un cedé de música galega.

Tres oradores

Socorro García apelou á responsabilidade de continuar falando en galego, unha actitude que depende da vontade persoal, afirmou. E animou a continuar participando na Correlingua.

Anxo Louzao advertiu que «o futuro do noso idioma está nas vosas mans», e alertou os participantes que os seus avós usaban o galego un 40% máis. Defendeu que «canto máis o usemos máis futuro terá» e criticou aos que gobernan e falan de imposición do idioma propio «cando nin sequera conseguimos que o 50% das aulas sexa en galego».

Fran Rei, o terceiro e último dos oradores, insistiu en que a lingua é para ser usada todos os días e reclamou «que o galego sexa vivo, útil, non só peza de museo para conservar» e finalizou utilizando a coñecida frase de Álvaro Cunqueiro e reclamando máis primaveras para a lingua.

O grupo do instituto de Arzúa, que tamén difundía a «cuadrilla Fusquenlla», interpretou unha canción, acompañada polos asistentes co retrouso «porque a ti che falo/ che falo galego/ fálame ti a min/ na fala do corazón».

A actuación do grupo Chámalle Xis serviu de colofón, encanto se desfacían os participantes e ían regresando. Os máis pequenos xa se foran indo antes. O bo tempo acompañou unha xornada festiva e reivindicativa. Para os millares de estudantes participantes non houbo unhas horas de aulas; no entanto, tiveron unha boa práctica de galego.