«A historia de Galicia ten un gran potencial literario»

SANTIAGO

O debuxante presentou onte na librería Kómic o seu primeiro álbum individual, «Os Lobos de Moeche»

01 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Manel Cráneo afirma con ledicia que está pasando un momento doce, e non é para menos. A súa primeira creación propia en banda deseñada, Os lobos de Moeche, está rexistrando un alto interese por parte dos lectores, demostrando que a historia galega está máis viva que nunca. Ambientada nas Revoltas Irmandiñas, esta aventura gráfica rompe co decálogo do cómic tradicional para aportar un gusto a literatura clásica.

-¿Por que escolleu o tema das Revoltas Irmandiñas?

-Me interesaba moito, de feito é una espiña que tiña cravada dende hai case dez anos. Foi un momento histórico importantísimo, xa que supuxo unha das primeiras revoltas sociais, e sen embargo está virxe no mundo da banda deseñada. De feito, solo se tratara nos libros e mailo teatro, nin sequera no cine.

-¿Trátase dunha obra puramente histórica?

-Utilizo a historia como pano de fondo, pero é un cómic de aventuras e que ten unha alta carga dramática. Iso si, os datos históricos están moi documentados.

-¿A historia galega ten potencial para protagonizar máis cómics?

-Ten un gran potencial literario, que sen embargo en Galicia está pouco explotado. Nas novelas aínda ten algo de presenza, pero no cine e na banda deseñada, por exemplo, hai moitos aspectos non tratados que se poderían aproveitar. Ao final terán que vir os estranxeiros para utilizalos.

-¿Marca a diferenza con outras obras do xénero?

-Ademais da temática inédita, ten unha estrutura narrativa complexa. Presenta saltos temporais que lembran ás películas de Tarantino, e varias partes son textos que imitan aos códices medievais, escritos de puño e letra, para dar veracidade á historia. Mestura literatura e cómic.

-¿Ademais de Moeche, que outras localizacións aparecen?

-Sobre todo Betanzos, porque era un punto importante de reunión na revolta, aínda que tamén aparece Melide e a localidade de Ferreira.

-¿Ten algún vínculo especial con Moeche?

-É un tema afectivo. Hai anos estiven de visita nun día de néboa e a visión do Castelo de Moeche creou aos meus ollos unha imaxe profundamente romántica que decidín aproveitar. En xeral, teño unha relación especial coa zona do Eume, visítoa sempre que podo.

-¿Como valora a evolución do cómic galego?

-Nos últimos anos o apoio da Xunta foi decisivo, xa que nos permitiu ter presenza en importantes salóns do cómic, que sempre catapultan esta profesión. Esperemos que o novo goberno siga apoiando ao sector, porque está no mellor momento da súa traxectoria.

-¿Considera este o seu mellor traballo?

-Hai que ter unha autocrítica despiadada, por iso aínda que estou contento co resultado, sempre digo que o mellor traballo é o que está por vir.