Ernesto Chao e Xosé Manuel Olveira Pico , sen dúbida algunha unha das mellores parellas de actores que se pode dar no teatro galego, retornan esta noite ao escenario do Principal coa última peza teatral da compañía Lagarta Lagarta, Aeroplanos , na que os dous intérpretes veñen a corroborar esa consideración sobre as súas calidades artísticas coa grande acollida que o espectáculo está tendo entre público e crítica. Sobre esta obra, escrita polo arxentino Carlos Gorostiza, falamos con Ernesto Chao nada máis chegar de Las Palmas onde Aeroplanos , nominada aos Premios Max na categoría de espectáculo revelación, a piques estivo de traer o galardón para Galicia.
-Parece que non estiveron cerquiña de gañar o Max.
-Non estivemos moi lonxe. Ao xurado gustoulle moito e nos dixeron que chegamos á última rolda. Conformámonos con que nos mandaran representando a Galicia.
-¿Por que escolleron este texto dun autor arxentino?
-Era un texto que tiñamos na recámara a directora, Rosa Álvarez, e máis eu, e tiñamos claro que o outro tería que ser Pico, senón non a facíamos. E creo que acertamos porque está funcionando con todo tipo de público, e estamos batendo o noso récord de asistencia de público.
-¿A que achaca esta magnífica acollida dunha obra que non é comedia?
-Non é comedia pero ten unhas escenas moi emotivas, con personaxes que calan moi ben entre toda clase de público.
-Hai unha identificación interxeracional cos perxonases.
-Si. Estamos facendo funcións para chavales de instituto e están reaccionando moi ben, non sei si porque quizais ven aos avós. Noso anterior espectáculo tamén tocaba o tema da vellez pero era máis pesimista. Este é optimista. É un canto a amizade e, sobre todo, á liberdade.
-Valores que neste tempos están pouco de moda.
-Si. Agora os vellos están en residencias e non intentan comprendelos. Nesta obra esa é a clave: que una persoa, aínda que teña 70 años ten os seus problemas e as súas inquedanzas.