Álvaro de la Vega dispón as súas pezas polo interior da Biblioteca Pública

M. B.

SANTIAGO

27 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Biblioteca Pública Ánxel Casal acolle desde onte a exposición Puntos de encontro. Puntos de fuga , do escultor Álvaro de la Vega, a primeira mostra que non ocupa a sala de exposicións da Biblioteca senón outro espazo do edificio como son as escaleiras. A exposición, que poderá visitarse ata o 26 de abril, invita ao espectador a reflexionar sobre a realidade humana e sobre a percepción do espazo mediante a disposición das esculturas no interior da biblioteca.

A proposta do escultor galego amosa 129 cabezas humanas feitas en cerámica fendidas á metade, e cunhas mínimas pinceladas de cor. A presenza contundente das súas esculturas derívase do seu volume e da súa colocación nun espazo habitualmente baleiro como son os chanzos das escaleiras da Biblioteca.

O director de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, presentou onte a exposición de Álvaro de la Vega, cualificándoa de «singular» porque, engadiu, «queremos que este, sexa un espazo, como todas as bibliotecas públicas, aberto, dinámico, de encontro, de interacción e onde se formulen propostas diferentes as habituais das bibliotecas que son lugares para a lectura e entrar en contacto cos libros». Pero a lectura, segundo Luís Bará, «tamén nos leva a outros mundos, a outros ámbitos, e polo tanto ten moito que ver tamén coa reflexión, co diálogo, coa interacción, co pensamento». Unha liña, precisamente, na que o seu departamento está traballando.

En opinión do responsable de Difusión Cultural, Puntos de encontro. Puntos de fuga , por tanto, «abre unha nova porta, unha nova vía de traballo nas bibliotecas a través da arte, invitando a artistas galegos consagrados, como é o caso de Álvaro Vega». O escultor galego formouse na Escola de Belas Artes de Barcelona, onde explorou o mundo da ilustración, do cómic e do graffiti, pero sobre todo da pintura. Nos noventa comezou a centrarse na escultura, especialmente na representación da figura humana. O seu traballo, realizado sempre sobre madeira, cambia esta vez de materia prima, escollendo a cerámica como fórmula nova para as súas creacións.

O artista resaltou que é a primeira vez que presenta en público cerámica. Pensou nas escaleiras como espazo expositivo porque, aclarou, «é un lugar de tránsito, no que esta perspectiva que eu intento montar coas cabezas manifestábase perfectamente e, por outro lado, ten tamén esa ambivalencia na que nos gusta movernos aos artistas que é estar dentro ou fóra, porque tamén se percibe desde fóra especialmente de noite».

Carina Fernández, directora da biblioteca, destacou que esta exposición se integra moi ben no centro que dirixe e que este está «para recibir aos artistas cos brazos abertos, porque non queremos concibir isto solo como un centro de cultura morta, senón en comunicación co mundo artístico e cultural».