«Santiago é unha cidade ben encaixada na natureza e que ten uns parques estupendos»

Concha Pino

SANTIAGO

Fíxose compostelán no número 6 da praza de Cervantes, a onde chegou de adolescente para rematar o bacharelato

07 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Naceu en Toba, a 14 quilómetros da ría de Corcubión, en 1940. E fíxose compostelán no número 6 da praza de Cervantes, «igual que todos meus irmáns, porque viñemos todos para rematar o bacharelato e estudar a carreira». Na mesma casa na que hoxe está a Libraría Couceiro, que xa fora da familia materna dos nove irmáns López Facal, «que estamos felices de que agora sexa unha librería, e ademais tan marabillosa».

Xan López Facal só fixo o primeiro de Ciencias en Santiago antes de irse a Madrid estudar a carreira superior de Enxeñaría Industrial, malia que andando o tempo acabou sendo economista. O periplo vital de quen se define como «home de aldea, pero urbanita para a vida diaria», é intenso é áxil, e con tanta actividade que contaxia ou encolle. O primeiro traballo como enxeñeiro foi en Pontevedra, na empresa Tafisa, e despois en Vigo, nos estaleiros Barreras e na época de máxima tensión. Desenvolvía unha actividade sindical intensa e comprometida, igual que no eido asociativo sociocultural e político, así que «os problemas coa policía e coa dirección de persoal do centro de traballo eran constantes e crecentes, e tiven que marchar de Vigo». Empezara a estudar Económicas por libre «porque vía que como enxeñeiro tiña poucas posibilidades, porque estaba nas listas negras». Unha oferta de traballo pedía enxeñeiros superiores e economistas, e resultou ser para os servizos centrais do Banco Popular en Madrid, no que traballou un par de anos de analista de investimentos mentres remataba, tamén por libre, a carreira de economista «e descubrín o gusto polos números». Despois entrou nun departamento de econometría do Banco Central outro par de anos, «un tempo do que o máis importante que conservo na memoria é cando voaron polos aires a Carrero Blanco, en decembro de 1973». No 72 caera a organización política que tiñan en Vigo, e de cuxo núcleo naceu Esquerda Galega, «e meteron na cadea e maltrataron de mala maneira a un irmán meu, a Camilo Nogueira e a moitos compañeiros daquel núcleo antifranquista». Camilo Nogueira, despedido como enxeñeiro da Citroën a raíz daquilo, traballa na recén creada Sodiga, e chámao para sumarse ao equipo desa sociedade pública de desenvolvemento industrial de Galicia. Foi a súa volta definitiva a Galicia, aínda que a Santiago non veu de maneira estable até o 82 «porque Ana, a miña muller, era médica no Juan Canalejo da Coruña, e eu viña cada día a Santiago».

O percorrido profesional de Xan López Facal non se esgota cando, sendo director financeiro de Sodiga «fun prexubilado por José Antonio Orza (conselleiro de Economía con Manuel Fraga á fronte da Xunta) por motivos que non entendo moi ben, que se coceron nas alturas sen maiores avisos, e que afectou a toda a vella garda de Sodiga».

Ensinarlle a cidade á xente

Os López Facal son dos que non se renden, «así que recompuxen a miña vida». Para empezar, dando clases dos 60 aos 65 anos en Enxeñería Química da USC de Análises de Proxectos, e cando xa está definitivamente xubilado, facendo unha chea de cousas. «O núcleo duro destas actividades son traballar co Centro de Investigacións Económicas e Financeiras de Caixa Galicia, e na tese doutoral sobre Historia Económica de Galicia, que desgraciadamente vai máis lenta do que quixera, cando é o que me facía máis ilusión rematar». E, a maiores deses dous cometidos, está en quinto curso de Portugués na Escola Oficial de Idiomas, estuda piano, «a trancas e barrancas estou intentando descodificar algunha sonata de Haydn», non se perde ningún concerto do Auditorio de Galicia, porque son socios fundadores da Real Filharmonía e da temporada de abono.

Porque a Xan López Facal Compostela parécelle marabillosa, «na que os barrios están ben e que ten recunchos fantásticos, como cando descobres que dende determinado lugar vense dous campanarios». Pensa que é «unha cidade ben encaixada na natureza, e por iso creo que mellor definición dela é a que fixo Otero Pedrayo, a de que é a aldea máis grande de Galicia». Unha das actividades que máis lle gratifica «é ensinarlle Santiago á xente que non a coñece ben, pasear por ela e polos seus parques, porque adoro, como din os portugueses, os parques desta cidade, que son estupendos, e sobre todo o Campus Sur, que cruzo un par de días á semana para ir á piscina, e a zona do Auditorio, onte temos o encontro semanal un grupo de incondicionais». Dálle mágoa que non se encha a sala de concertos, «porque ademais os prezos son ridículos se os comparas con calquera sitio de Europa», pero confía en que, «con tanta xente nova que estuda agora música naza unha xeración máis sensibilizada para a música clásica».

«O resto do tempo», di como se tal cousa, «dedícoo a ler e as fins de semana a ir á aldea sachar o monte». Esa aldea é Toba, que non é un capítulo menor na vida dos López Facal. É o Macondo particular da que Xan define como «unha tribo rural, o lugar onde recalamos todos os irmáns e onde se coceu dende rapaces un intercambio de experiencias, de lecturas e a evolución relixiosa e política. É do que máis orgullosos estamos todos, porque transmitímolo á segunda xeración, ate o punto que ás veces chamámoslles filliprimos , porque non os confundimos, pero case, porque entre eles lévanse moi ben, teñen unha irmandade virtual a traveso de Internet e reúnense nos veráns».