ENTREVISTA | LOLA FERREIRO | Médica e educadora
Lola Ferreiro, médica e docente do IES Lamas de Abade, coordina o Grupo Lúa Crecente. Con ela traballaron neste proxecto Chus Díaz Anca, Gloria Docampo Corral e María José Louzao Campos.
-¿Cal é a maior novidade desta guía?
-Esta é a primeira vez que se pon a andar un proxecto de coeducación afectiva, emocional e sexual na nosa comunidade; tamén de educación sexual. Sempre houbo moitísimos problemas, mesmo secuestros de edicións anteriores, foi moi complicado. A posta en práctica tamén é un proceso. Aspiramos a que sexa un proxecto transversal, implicado en todas as áreas do currículo escolar, e a guía ten o obxecto dar as pautas para conseguir iso. O profesorado implicado pode aumentar co tempo, igual que o número de centros.
-A Logse tamén procuraba a transversabilidade, ¿non é insistir no mesmo método?
-O problema da Logse foi que non ofreceu recursos suficiente ao profesorado para levar a cabo a transversalidade. O profesorado tivo dificultades, inseguranzas que a Administración non foi capaz de axudar a resolver. O noso grupo fixo outros materiais anteriormente tamén con ese obxectivo, e a xente que proba está contenta cos resultados. Agora tentaremos conciliar as dúas cousas: resolver as dificultades que se produzan, e o apoio necesario cando haxa dificultades.
-¿Como convencería da necesidade destes contidos en infantil e primaria?
-Ben, temos o costume de que saia unha estatística sobre o número de embarazos non desexados en adolescentes e todo o mundo se pon nervioso e hai unha campaña sobre iso. Moitas veces sen ter en conta que ese e outros problemas de saúde que se producen entre os 15 e os 17 anos teñen as raíces na etapa infantil. Se se intervén desde ese momento é mellor. Na adolescencia falamos de reconstruír actitudes, non de as construír, que é do que trata este noso traballo.
-¿Foi difícil realizar esta guía?
-Que quede claro o noso agradecemento pola confianza a Igualdade, porque un proxecto desta natureza e con estes contidos para o ensino non é simple. Supón un compromiso clarísimo coa coeducación e tamén coa educación sexual, que noutras comunidades do Estado existe hai varios anos. A nosa penso que era a única que faltaba por instaurar un programa deste tipo.
-¿Que relación ten este volume co que presentaron en febreiro?
-En febreiro publicamos un libro co marco teórico sobre a construción do xénero e outros elementos, e o proxecto orientado ao profesorado é este que se edita agora. Para a elaboración traballamos directamente con crianzas de primaria, e colaboraron docentes que xa probaron a guía nas aulas.
En breve los contactos recibirán en su correo electrónico un enlace a la noticia
Gracias por usar nuestros servicios
Revise sus datos y vuelva a intentarlo
Si se vuelve a producir un error, es posible que el servicio está momentáneamente no disponible. Inténtelo más tarde.
Disculpe las molestias. Gracias por usar nuestros servicios