A melancolía está na sombra

La Voz

SANTIAGO

11 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A melancolía é un problema de falta de osíxeno. Que non se respira ben ou que o aire que se respira é malo. En calquera caso é insuficiencia respiratoria. Hai xente que admira esa capacidade para respirar raro, para aproveitar os mínimos e facer un exercicio de ilusión á inversa: percibir que case todo está en contra e aínda perseverar.

Hai días que Pessoa ten a melancolía tranquila. Non me gustan os hermeneutas de Pessoa porque confunden o pesimismo cun horizonte en lugar de entendelo como un retrato. Eu creo que o poeta tiña máis sentido do humor e máis pulso vital do que se deduce dalgunhas biografías e da interpretación remanente das súas obras.

O bo de Pessoa é que segue aquí. E hai quen utiliza esa presenza como coartada para a non acción ou para deixarse estar e tentar deter a outros.

Turismo infinito quere explicar outra cousa da circunstancia de Pessoa e da súa incomodidade intimamente identitaria. Alguén que viaxou entre varios egos e que nunca asegurou que algún fose exactamente o del merece atención. Esa é unha virtude nun mundo constantemente reafirmado en case todos os teoremas do eu. Quizais alguén asocie Pessoa a un determinado quietismo e interprete a texto seguido que pararse é un síntoma de submisión. En Galicia pode que si. Pero hai días que é mellor deterse. Pararse é moito mellor que perseguir a sombra da melancolía, que insistir na espiral que deixa as cousas no centro dun espazo no que a respiración se dificulta. É mellor saír de turismo.