Edicións Xerais presentou onte na Libraría Couceiro a primeira obra de narrativa para adultos de Marcos S. Calveiro, Festina lente , unha novela histórica que recrea o mundo da imprenta e a sociedade compostelá do Renacemento. O autor, avogado vigués de 40 anos, ten publicadas obras para nenos e adolescentes, a última O carteiro de Bagdad , premio Gran Ala Delta, e un poemario.
-¿Que hai detrás deste título?
-É unha novela na Compostela dos séculos XVI e XVII, que era moi rica en personaxes. Conta a vida dun encadernador de libros e o que hai arredor das primeiras impresións e tipografías. A historia xira arredor dun códice e do mundo dos canteiros. Reprodúcense verbas da linguaxe dos canteiros, arxinas. É un gran fresco histórico
-Unha novela histórica ao máis puro estilo do xénero, ¿non si?
-Si, porque contén todos os elementos, dende a intriga e o crime, con datos reais dunha época especialmente rica en personaxes, cando o Santo Oficio estaba empezando e represión mandaba á xente ás fogueiras. -Unha trama así non se improvisa, ¿canto tempo investiu? -Uns catro anos, nos que escribín outros libros, porque este non ía ser a novela que resultou sendo, senón un diario íntimo escrito en primeira persoa. Todo empezou porque non só son un lector compulsivo, senón un gran amante do mundo do libro, e intereseime polos inicios da imprenta en Galicia, e aí empezou todo.